A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia a folga xeral do 14 de novembro porque as políticas dos gobernos galego e estatal destrúen o medio rural e a actividade agraria

O SLG apoia a folga xeral do 14 de novembro porque as políticas dos gobernos galego e estatal destrúen o medio rural e a actividade agraria

13 de Novembro do 2012

Non hai imaxe

O Sindicato Labrego Galego apoia a convocatoria de Folga Xeral para o 14 de Novembro , e fai seu como Membro da mesma , o Manifesto da Alianza social galega , por entender que os recortes sociais que estamos sufrindo afectan a toda a sociedade, pero moi especialmente ao medio rural e aos labregos e labregas, que xa antes da aparición da crise, estábamos a sufrir en carnes propias as agresións das Politicas neoliberais.

Os recortes que estamos a sufrir os labregos e as labregas dende hai anos, intensifícanse agora coas novas políticas para atallar o déficit. Así, asistimos ao desmantelamento de servizos que, aínda que moitas veces de xeito deficiente, se lles estaban a prestar ás explotacións e ás persoas que vivimos no campo. En amplas zonas rurais de Galiza estamos quedando sen atención médica, sen servizos sanitarios de urxencia próximos, sen farmacias de garda, sen comedores escolares, sen escolas nin garderías para os nosos fillos e fillas, sen atención para os nosos e as nosas maiores, con oficinas agrarias comarcais cada vez con menos recursos, sen medios suficientes para prever incendios forestais, coa privatización e empeoramento progresivo dos servizos públicos prestados ás explotacións, etcétera. Por si todo o exposto, non fose xa de por sí dunha enorme gravidade, os prezos de miseria que estamos percibindo polos nosos productos, completan un panórama desolador para o agro e para medio rural.

Estos recortes son consecuencia directa das Politicas iniciadas polo Goberno anterior, especialmente desde maio de 2010, que atenden só aos intereses dos mercados ou, o que é o mesmo, da banca e do capital financeiro internacional, que mediante o seu neoliberalismo depredador mingua e pretende reducir á mínima expresión, cando non finiquitar, o noso estado do benestar. Políticas que o PP está intensificando desde que chegou ao poder no Estado. Sirvan como exemplo  o incremento do IRPF, a conxelación do SMI e do IPREM que serven de referencia para moitos salarios e prestacións sociais, a limitación ao acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, os recortes de  salarios e dereitos de traballadores e traballadoras públicos, pero non fixo nada para reactivar a actividade económica, crear emprego e reducir o paro.

Engádase ao exposto unha reforma laboral que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento, non contribúe á creación de emprego e individualiza as relacións laborais, deixando os traballadores e as traballadoras indefensos e expostos á arbitrariedade dos empresarios e das empresarias, asi como unos orzamentos para o ano 2013 que inciden nos recortes.

Xa que logo, os labregos e labregas temos moitas razóns de peso para apoiar a folga xeral do 14 de Novembro e para opornos, con todas as nosas forzas, ás políticas de recortes impulsadas polos gobernos do Estado e da Xunta. Polo tanto, o Sindicato Labrego Galego estará na rúa o 14 de Novembro xunto ao resto de organizacións e colectivos que se opoñen a ditas políticas de recortes porque o futuro do noso medio rural e das nosas explotacións está en xogo.