A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG contra a retallada de 25.000 millóns na PAC e a favor de regular os mercados e as axudas agrícolas comunitarias

O SLG contra a retallada de 25.000 millóns na PAC e a favor de regular os mercados e as axudas agrícolas comunitarias

19 de Novembro do 2012

euros

O Sindicato Labrego Galego quere amosar o seu rexeitamento á proposta de redución dos orzamentos para a Política Agraria Común (PAC) que vén de propor o presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, e que supón unha retallada de 25.000 millóns de euros entre 2014 e 2020.

Ademais, o SLG tamén pide, como membro da Coordinadora Europea da Vía Campesina, unha viraxe na PAC baseada na regulación dos mercados e non no progresivo desregulamento cara ao que se está avanzando, pois ademais de garantir a produción de alimentos e a continuidade das explotacións agrogandeiras, sairía moito máis rendíbel para os e as contribuíntes comunitarios/as. Teñamos en conta que a desregularización dos mercados agrícolas auspiciada pola Organización Mundial do Comercio (OMC) dende finais do século pasado provocou e provoca unha volatilidade de prezos e unha especulación que están a destruír miles de explotacións. Dende este punto de vista, regular os mercados agrícolas para termos prezos estables e dignos non lle custaría nada ao erario comunitario (cotas leiteiras, por exemplo); mentres que cubrir eses prezos a través de seguros orzamentados na PAC será moito máis caro.

Outra das eivas da PAC derivadas do desregulamento é a aposta por competir a nivel internacional, producindo a prezos mesmo por baixo dos custes de produción (dumping), cousa que só é posible compensando os valores artificialmente baixos dos produtos agrícolas comunitarios coas axudas directas que se veñen concedendo dende 1992. Isto sáelle moito máis caro aos e ás contribuíntes da UE que regular uns prezos mínimos para os produtos agrogandeiros en orixe que permitan vivir dignamente do seu traballo aos labregos e labregas.

Ademais, o reparto das axudas da PAC é inxusto, pois as máximas beneficiarias seguen a ser as macro-explotacións financiadas por grandes capitais ou por terratenentes, fronte a miles de pequenas e medianas que apañan ás penas unhas migallas das subvencións agrícolas. Isto solucionaríase poñendo un tope máximo na percepción de axudas e dando prioridade no reparto dos cartos a esas pequenas e medianas explotacións, que son as que realmente xeran postos de traballo, fixan poboación no campo e crean riqueza no agro, algo que hoxe é máis indispensable que nunca nunha Unión Europea con máis de 25 millóns de persoas desempregadas.

Por iso, tanto o SLG como a Coordinadora Europea da Vía Campesina, expresan o seu rexeitamento a calquera retallada nos orzamentos agrícolas comunitarios e seguirán defendendo un regulamento dos mercados e das axudas que fomenten unha agricultura labrega que xere emprego e riqueza no medio rural.