A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 25 de novembro: Que a crise non xustifique ningún paso atrás nos dereitos das mulleres

25 de novembro: Que a crise non xustifique ningún paso atrás nos dereitos das mulleres

23 de Novembro do 2012

Labregas sementando futuro

Neste 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego fai un chamamento ás administracións públicas e á sociedade no seu conxunto para rematar coa maior lacra social que temos na actualidade: Xa foron asasinadas 72 mulleres no ano 2012.

Cómpre, dunha vez por todas, facer unha profunda reflexión diante desta barbarie. Nestes momentos, a crise económica estase usando para a concentración da riqueza e o poder cada vez en menos mans, explotar ó máximo o traballo, limitar as prácticas democráticas, reprimir os movementos sociais e da cidadanía, e aumentar o odio e a división entre os diferentes sectores da poboación.

A crise está servindo de xustificación para facer recortes, recortes que afectan en maior medida ás mulleres e onde o que se pretende é impor valores baseados na “volta ao fogar”. Sirva de exemplo o peche de escolas rurais, o peche de centros sanitarios rurais, xustificado sempre na pouca rendibilidade deses servizos públicos e a pouca poboación do medio rural.

Ademais, estanse a reducir moito os recursos para políticas públicas. E está demostrado que cando se eliminan recursos públicos estase a incrementar a precariedade da vida das mulleres e, especialmente, das labregas. Para a Secretaría das Mulleres do SLG, faise necesario buscar saídas para esta crise con outros criterios que non afecten ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade; e, no caso da violencia contra as mulleres, existe a urxencia inadiable de reforzar os recursos e as estratexias para a súa eliminación.

Estes recortes tamén afectan as políticas de igualdade que, no Proxecto de Orzamentos do Estado para o ano 2013, diminúen un 24% respecto do ano 2012. Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego non só pedimos políticas específicas de igualdade, senón que as políticas xerais non discriminen as mulleres, ben sexa por acción ou omisión.

Neste mesmo Proxecto de Orzamentos, vemos como para o pago da débeda contraida polos gobernos destínase a cuarta parte do gasto total. Denunciamos a actitude dos gobernos de anteporen os intereses do capital financeiro especulativo (o BCE presta diñeiro aos bancos ao 1% e os bancos prestan aos gobernos ao 7%, facendo impagábeis as débedas dos estados). No ano 2012, o erario público terá que facer fronte a case 39.000 millóns de euros só en concepto de xuros.

Hai toda unha serie de desigualdades e de violencias consentidas coas que nós acostumamos a vivir nesta espiral de violencia. Na educación, os medios de comunicación, os videoxogos e outros produtos culturais, estanse a promover roles completamente diferenciados para mulleres e homes, nenas e nenos. No caso feminino, difúndense valores de subordinación, inferioridade e dependencia; fronte aos estereotipos masculinos onde priman os valores de dominio, fortaleza, violencia e éxito a través da dispoñibilidade das mulleres e dos seus corpos.

A falta de dereitos propios e de autonomía económica fai que moitas mulleres tamén sexan extraordinariamente vulnerables ante as situacións de violencia. Novamente, igual que nos anos 70, na actividade agraria estásenos obrigando a decidir se pagamos a Seguridade Social ou se estudamos as fillas e os fillos, ou se facemos fronte a outras prioridades. Outra vez, planea a pantasma da expulsión das labregas da Seguridade Social, co que iso leva canda si en perda de dereitos. Por iso, dende a Secretaria das Mulleres do Sindicato Labrego Galego esiximos a implantación real da Lei de Titularidade Compartida para que as mulleres labregas non sexan consideradas “axuda familiar”.

Non queremos deixar pasar este momento sen facer un chamamento diante do que suporía o cambio na Lei do Aborto, que nos faría recuar tres décadas.

Neste 25 de novembro, dende a Secretaria das Mulleres do Sindicato Labrego Galego queremos continuar no traballo de reflexión e debate da Vía Campesina, na campaña de loita contra a Violencia das Mulleres Labregas, unha lacra que xa é cotiá, e que segue silenciada e naturalizada por unha sociedade capitalista e patriarcal.La Vía

Por todo isto, dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego declaramos o noso apoio e participación na manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres en Vigo o 25 de novembro ás 12 (saída na praza Urzaiz).