A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Varios colectivos organizan en Compostela un encontro para a reflexión do ecofeminismo en Galicia

Varios colectivos organizan en Compostela un encontro para a reflexión do ecofeminismo en Galicia

29 de Novembro do 2012

Ecofeminismo

Os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro de 2012 terá lugar en Compostela un encontro para a reflexión sobre o ecofeminismo en Galicia. A iniciativa parte do interese de diferentes colectivos feministas, ecoloxistas e labregos —Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Rede Feminista Galega, Feminismos Compostela e Fiadeiras— por organizar unhas xornadas que permitan analizar as potencialidades que teñen estes movementos de traballar en conxunto. 

O programa das Xornadas Ecofeministas: Repensando a Vida é completo e diverso. Comezaremos o venres 30 de novembro cun roteiro ciclista que nos levará por diferentes espazos da cidade compostelá. Durante o camiño faremos varias paradas para reflexionar sobre cuestións como a importancia de mercar nos mercados locais, a existencia de hortos urbanos ou a visibilización das mulleres e a súa loita a través dos nomes do espazo público.

O sábado, 1 de decembro, haberá unha palestra onde se falará da heteroxeneidade dos movementos ecofeministas, e contaremos coa presenza de Teresa Moure, Lucía Iglesias e Marcia Tait. De seguido teremos unha dinámica coordinada por Miguel Pardellas chamada «Espazo Aberto» na que vos emprazaremos a participar activamente. O xantar desta xornada será comunitario e cada quen levará algunha cousa para compartir e petiscar. Pola tarde contaremos con tres obradoiros simultáneos onde se traballarán cuestións relacionadas coa erótica dos coidados (Tareixa Ledo), as violencias (Lola Ferreiro) e as masculinidades (Miguel Salas). Remataremos ás 22:00 en As Dúas con poesía, proxeccións e foliada.

O domingo 2 de decembro iniciaremos o día cun conversatorio de experiencias coa terra no que participarán Lidia Senra, Belén Fervenza e María Ferreiro (Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego) e continuaremos cun xantar con produtos ecolóxicos que elaboraremos de forma colectiva mentres tratamos cuestións relacionadas coa soberanía alimentar. Remataremos as xornadas recuperando as reflexións do Espazo Aberto e establecendo posibles camiños alternativos polos que facer avanzar o ecofeminismo en Galicia.

Estas xornadas son unha proposta formativa que ten por obxectivo tecer redes que permitan construír a resiliencia necesaria para producir alternativas ante a converxencia de crises mundiais. Por riba de todo, trátase de visibilizar o traballo e a experiencia das mulleres como intanxible fundamental destra transición, porque son elas quen garanten o benestar e a vida por medio dos coidados que prestan gratuitamente. Se as mulleres paran… para o mundo.

Convidámosvos a participar e aprender da cooperación necesaria entre o feminismo, o ecoloxismo e o sindicalismo agrario, tres forzas transformadoras para (re)pensar o mundo no que vivimos e o futuro que queremos.De seguido, un enlace e un enderezo de correo onde podedes informarvos máis polo miúdo de todo isto, e o programa das xornadas:

http://www.facebook.com/ecofeministas.repensandoavida
repensandoavida@riseup.netCartaz ecofeminismo 

Ficheiro adxunto