A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Mercado do Alimento Labrego de Teo consolídase coa Festa de Inverno tras medio ano de andaina

O Mercado do Alimento Labrego de Teo consolídase coa Festa de Inverno tras medio ano de andaina

22 de Decembro do 2012

Mercado de Teo

A pesares da intensa choiva, unhas trescentas persoas pasaron ao longo da mañá do 22 de decembro polo Mercado do Alimento Labrego dos Tilos, en Teo. Nesta ocasión, e con motivo da Festa do Inverno, aos vinte postos onde se podían mercar todo tipo de produtos da terra (hortalizas e froita de tempada, ovos, queixos, leite, marmeladas e conservas, viños e licores, doces, etcétera), uníronse oito de artesanía onde se podían atopar dende cestos e xabóns feitos a man até olería de Buño. Para animar o ambiente estiveron os músicos e músicas da Requinta Follas Novas.

A maiores, as persoas que visitaron o mercado puideron visitar unha cantina instalada para a ocasión na que, polo simbólico prezo dun euro, degustaron un amplo elenco de bebidas e petiscos: chocolate quente, viño do país, crema de cabaza, lentellas, potaxe, filloas, empanadas de xoubas e bonito, tortilla, queixo con marmelo, turrón ou rosca. Todo elaborado polos labregos e labregas que dan vida a este mercado que naceu a comezos do verán de 2012, impulsado polo Sindicato Labrego Galego e o Concello de Teo, e que ten vontade de consolidarse como unha referencia na comarca para aqueles e aquelas que apostan pola saúde e a calidade mercando produtos locais e de tempada.

Mercado de Teo