A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG rexeita a mina de feldespato en Xinzo porque arruinaría terras cun potencial produtivo de 18 millóns de quilos anuais de pataca

O SLG rexeita a mina de feldespato en Xinzo porque arruinaría terras cun potencial produtivo de 18 millóns de quilos anuais de pataca

1 de Febreiro do 2013

Canteira

O Sindicato Labrego Galego expresa publicamente o seu frontal rexeitamento ao proxecto mineiro a ceo aberto para a extracción de feldespato en Xinzo de Limia por atentar directamente contra os intereses das explotacións agrarias da zona.

O proxecto mineiro afecta a máis de 400 hectáreas de terras agrarias nas parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane. Nestas parroquias, téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío. Do mesmo xeito, as familias que traballan estas terras tamén teñen feito investimentos millonarios para poder facer posible unhas producións agrarias que esixen un alto grao de mecanización.

Non esquezamos que estamos nunha das comarcas agrarias máis importantes da Galiza, líder en cultivos como pataca e cereais e núcleo principal da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Se a Xunta autoriza este novo despropósito, estará apostando polo lucro dunha única empresa privada e foránea que ás penas xerará unha ducia de postos de traballo temporais e arruinará para sempre as terras que explote, fronte ao sustento e beneficio económico e social permanente que xeran ducias de familias e explotacións que viven no medio rural e traballan agras que teñen un potencial produtivo de 18 millóns de quilos de pataca por ano1.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego ten traballando a súa equipa xurídica para presentar en prazo unha serie de alegacións contra un proxecto que sería, a todas luces, ruinoso para unha das principais comarcas agrarias de Galiza e para o principal motor económico-social do seu medio rural.

[1] O informe “Plan de zona das depresións ourensáns e Terras do Sil” da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) cifra a produción media de pataca na Limia en 35.000 quilos por hectárea; sen embargo, técnicos agrícolas consultados polo SLG elevan esta cifra na zona afectada polas minas de feldespato, que é das máis fértiles da comarca, a 45.000 quilos por hectárea. O cálculo fíxose multiplicando 45.000 (produción) por 400 (hectáreas afectadas polo proxecto mineiro).