O Sindicato Labrego Galego vén de presentar diante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas unha serie de alegacións para impedir que a empresa Minecer S.L. desenvolva o seu proxecto Faramontaos 5089.1 de extracción de feldespato a ceo aberto en Trasmiras e Xinzo de Limia.
O SLG fixo constar nas alegacións presentadas que a zona afectada polo proxecto é unha comarca de clara vocación agraria, nomeadamente de produción de pataca, unha realidade contrastada pola existencia da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, na que a zona de maior produción é, precisamente, A Limia.
Neste senso, o SLG lembra que a comarca da Limia (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo) foi declarada Zona de Especial Interese Agrario (ZEIA) en base á Lei para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras. Ademais, estas terras xa teñen unha utilidade pública declarada que colisiona cos intereses privados de Minecer S.L.
Tres concentracións parcelarias con 1.473 hectáreas
O proxecto mineiro afecta a máis de 400 hectáreas de terras agrarias nas parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane. Nestas parroquias, téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío. En concreto, nos eidos afectados existen tres zonas de concentración parcelaria: San Pedro de Laroá, Laroá-Seoane e Moreiras-Faramontaos. As terras que foron obxecto de concentración parcelaria teñen unha superficie total de 1.473 hectáreas (27% do ámbito territorial da concesión mineira no que pretende executarse a actividade).
Ademais da perda definitiva da superficie agraria útil nos lugares elexidos pola empresa, a explotación de feldespato provocaría a perda de fertilidade e de lentura das fincas colindantes, ata centos de metros ao redor das minas a ceo aberto, algo que xa se ten constatado nas zonas de extracción de áridos de Sandiás e de Vilar de Santos.
Unha comunidade de regantes con 1.257 hectáreas de regadío
Outra das infraestruturas que se vería afectada polo impacto mineiro é a do regadío. O proxecto de Minacer bate de fronte coa actividade da Comunidade de Regantes do Corno do Monte, que foi o resultado da fusión de doce comunidades de regantes e abastece 1.257 hectáreas. Ademais, agora mesmo hai proxectos en marcha relacionados tamén co regadío nos que están comprometidas varias administracións, como a Consellaría de Medio Rural ou o Ministerio de Agricultura.
Outros impactos que se denuncian nas alegacións do Sindicato Labrego Galego son a incidencia negativa por acumulación de resíduos na capa freática e o deterioro das augas imprescindibles para os cultivos da zona, ou a produción de pó en suspensión que incidirá negativamente na actividade agrogandeira.
Tamén recorda o documento presentado polo SLG que a explotación mineira se pretende facer nuns eidos cualificados como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). A ZEPA da Limia abrangue 6.939 hectáreas, cunha zona periférica de protección de 7.558,6 hectáreas, e o proxecto de Minacer é totalmente incompatible con este espazo protexido, sexa zona principal ou periférica.
Dende o SLG creemos que este proxecto atenta gravemente cos intereses agrogandeiros e hipotecaría o futuro de centos de familias que viven da agricultura nesta zona, polo que estamos convencidos de que os “informes preceptivos” que esixe a lei para conceder a licencia mineira, tanto municipais como das distintas consellerías, serán negativos para a posta en marcha deste proxecto.