A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego apoia a manifestación en Santiso e Arzúa para esixir a reparación da ponte da Regada

O Sindicato Labrego apoia a manifestación en Santiso e Arzúa para esixir a reparación da ponte da Regada

19 de Xullo do 2013

Ponte da Regada

O Sindicato Labrego Galego das comarcas de Arzúa e Melide quere expresar o seu total apoio ás reivindicacións dos veciños e veciñas das parroquias afectadas polo corte da ponte da Regada e á convocatoria dunha manifestación, o vindeiro 20 de xullo, realizada pola Asociación O Noso Lar, de Visantoña.

Dende o Sindicato Labrego consideramos inadmisible que este problema se leve arrastrando medio ano sen que se artellase ningunha solución ao respecto. Coma sempre, a veciñanza que está a pagar os pratos rotos da inoperancia da Xunta é a de parroquias rurais como Visantoña, Beigondo, Rivadulla, Pezobre ou San Román, no concello de Santiso; e tamén arzuanas coma Vilantime, que ficaron incomunicadas con Arzúa e mesmo Compostela tralas riadas de Xaneiro. Así, a xente que vive nestas parroquias vese obrigada a dar enormes rodeos para ir traballar, facer as compras, ou para xestionar servizos centralizados en Arzúa (xulgados, pagamento de impostos provinciais, rexistro da propiedade, raios X ou servizo de urxencias no centro médico, etc).

En canto ás actividades agrarias e forestais, resulta surrealista que explotacións que tiñan fincas a uns poucos metros, na outra beira da ponte, agora teñan que facer rodeos varios quilómetros para apañar a herba seca ou levar as vacas a pacer, o mesmo que os camións que transportan madeira, que se ven na obriga de utilizar pistas demasiado estreitas e en lamentable estado, co conseguinte risco de accidente. E falando de perigos, non sobra lembrar que os bombeiros de Arzúa, no período de máximo risco de incendios, tamén se verán na obriga de dar rodeos de varios quilómetros para sufocar os lumes que se produzan na outra beira da ponte.

Por todo o devandito, o SLG chamará á súa afiliación a apoiar a manifestación convocada para este sábado polos Veciños afectados, ás 11:45 na ponte da Regada e ás 12:45 na vila de Arzúa.