A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Hamburguesa sintética: seguen tentando impoñer un modelo alimentario para encher as arcas das corporacións

Hamburguesa sintética: seguen tentando impoñer un modelo alimentario para encher as arcas das corporacións

6 de Agosto do 2013

Hamburguesa sintética

Tras unha ardua investigación con non se sabe canto persoal científico e non se sabe cantos centos de miles de euros, creouse a primeira hamburguesa sintética con carne de vaca construída a partir de células nai. Mais, quen necesita carne de vaca que non sexa de vaca?

Do mesmo xeito que acontece cos transxénicos, as grandes corporacións queren converter a alimentación humana no seu grande negocio, aínda que sexa a costa de que as persoas que queiran consumir, e polo tanto alimentarse con carne de vaca, fiquen condenadas a facelo cun sucedáneo sintético producido dun xeito cuxas consecuencias para a vida ou a saúde humana descoñecemos. Non será que quen teña diñeiro suficiente vai seguir comendo carne de vaca de verdade, e que esta alimentación só será para crear novas exclusións sociais?

Os produtores e produtoras de carne de vaca en Europa terán que pechar as súas explotacións e irse ás listas do paro para que as corporacións alimentarias que patenten o invento se queden co seu mercado, mentres que os consumidores e as consumidoras estarán obrigados/as a consumir carne sintética. Ninguén quere esa carne; só eles, os señores da alimentación-negocio, que son os que necesitan que a comamos para encher as súas arcas e satisfacer a súa ambición.

Os argumentos serán os de sempre: a fame no mundo e o medio ambiente, a mesma ladaíña que usan para defender os transxénicos. Só faltaría que quen comercializasen e patentasen esta carne fosen os mesmos que comercializan e patentan os transxénicos.

Diante destes argumentos, cómpre aclarar que que a fame no mundo é un problema de pobreza e de exclusión, nunca unha consecuencia da falta de alimentos. Dito doutro xeito: a fame non é debida a un problema de produtividade, senón a un problema de acceso á terra e aos recursos que se precisan para producir alimentos. En canto ao medio ambiente, o problema vén dun modelo produtivo intensivo que consume de xeito masivo agrotóxicos, fito e zoosanitarios, etcétera, introducidos pola revolución verde dos anos sesenta e que representa cincuenta anos de fracaso agroalimentario.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos reivindicar outro modelo produtivo respectuoso co medio ambiente, que produza partindo dos principios da agroecoloxía, e que produza o que a xente necesita para se alimentar; un modelo que produza onde e como a xente o necesite. Queremos contrapoñer o modelo de produción que defende a soberanía alimentaria fronte á tiranía que supón o enriquecemento sen escrúpulos das corporacións alimentarias, que queren que comamos o que elas venden do xeito que elas queren.

Non todo o mundo ten que comer hamburguesas, nin sequera carne de vaca. Debemos facer o posible para que todos os pobos do mundo estean ben alimentados sen renunciar a comer o que queiran e o que a súa cultura lles aconselle e o seu entorno poida producir. A alimentación non debe ser un negocio.