A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As familias do rural con nenos e nenas ven reducidas aínda máis as súas rendas polo aumento do gasto escolar

As familias do rural con nenos e nenas ven reducidas aínda máis as súas rendas polo aumento do gasto escolar

3 de Septembro do 2013

Comedor

A Xunta vén de incrementar nas últimas semanas o custe das escolas infantís e do servizo de comedor escolar nos centros educativos. A medida terá unha forte repercusión nas familias labregas que, por mor vivir no rural, moitas veces a grandes distancias dos centros escolares onde estudan os seus fillos e fillas, están na obriga de pagarlles o servizo de comedor por ser inviable que veñan comer a casa. Así, terán que pagar até 4,5 € por xantar, segundo a orde publicada pola Consellaría de Educación no DOG1.

Dado que o curso escolar 2013-14 terá 177 días lectivos2, estamos a falar dun gasto de 796,5 €. Para o Sindicato Labrego Galego, trátase dunha medida antidemocrática, xa que grava un dereito recoñecido pola Constitución que debería ser gratuíto, segundo reza o seu artigo 27.4 («O ensino básico é obrigatorio e gratuíto»).

A este gasto, habería que sumar o dispendio en libros de texto e outros relacionados coa escola que teñen que facer as familias galegas, que é o máis alto do Estado despois da Comunidade de Madrid. Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o desembolso medio que afrontan os pais e nais na escola pública para este curso é de 1.268 € por cada neno ou nena, onde se incluirían libros, matrícula, material escolar, etc3.

Tampouco se librarán as familias labregas con cativos e cativas de 0 a 3 anos aos que, por motivos laborais, deban levar a escolas infantís. A Consellaría de Traballo e Benestar volveu subir as taxas das garderías en 2013 tralo brutal incremento realizado en 2012. Así, as familias usuarias terán que facer fronte a subas de até 5 euros, un suma e segue despois de que o ano pasado as taxas das escolas infantís se incrementasen en máis dun 20%, chegándose a duplicar o prezo dalgúns servizos como o comedor. Agora mesmo, familias mileuristas (con renda superior a 1.065 € ao mes) terán que pagar 235,06 euros mensuais por praza nunha escola infantil con servizo de comedor; só este servizo subiu, neste tramo de rendas, 40 € dende 2012, custando na actualidade 71,54 euros ao mes. Neste caso, dado que os nenos e nenas de 0 a 3 anos poden asistir até 11 meses ao ano á escola infantil, estariamos a falar dun desembolso anual máximo de 2.585 euros por cativo ou cativa4.

A forte suba nos custes dun sistema educativo que debería ser gratuíto e universal volve discriminar, especialmente, aos nenos e nenas do rural. A carestía das escolas infantís, unida ás distancias para levar aos nenos e nenas do rural ao centro máis achegado, veda de facto este servizo ao meirande das familias labregas da Galiza. No caso dos comedores escolares, que son para a maioría das familias labregas unha obriga, supoñen unha erosión importante das súas rendas que debemos unir á suba continua dos custes de produción nas actividades agrogandeiras. Neste senso, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) vén de publicar un informe5 no que demostra que os custes de produción supoñen xa o 93% da renda agraria total, con incrementos dos prezos dos pensos nun 8%, dos fertilizantes nun 9%, ou da enerxía -electricidade e gasóleo- nun 18%. E iso que non contabilizaron os gastos escolares!

Outro dato a ter en conta é que as rendas dunha explotación agraria non entran de xeito regular como os soldos dos traballadores e traballadoras asalariados/as. Deste xeito, na profesión agraria prodúcense fortes altibaixos nos ingresos e gastos mensuais, ao tempo que hai que cumprir estritamente con obrigas como o pago dos insumos ou os prazos de hipotecas e, como non, o abono das taxas por comedor escolar. A Consellaría de Educación non deixou esta cuestión ao azar, e no artigo 15.4 da orde que regulariza as taxas di que «os impagamentos dos prezos públicos e das tarifas correspondentes a cada mes impedirán a utilización nos meses seguintes do comedor escolar, mentres non se proceda á oportuna regularización dos pagamentos». Dende o SLG preguntámonos que farán as familias labregas cos seus fillos e fillas nos meses que baixe o saldo positivo nas explotacións e non dean as contas para pagar o comedor escolar, ou que farán aquelas familias do rural que, simplemente, non teñan suficientes ingresos para pagar este servizo durante todo o curso. Enviaranos coa friameira na mochila para que coman á marxe dos seus compañeiros e compañeiras? Creará a Consellaría de Educación guetos nos centros escolares para que poidan comer os nenos e nenas do rural cuxas familias non dean custeado o servizo de comedor?

Dende o Sindicato Labrego Galego, animamos á Xunta de Galicia e ás consellarías responsables a que cumpran con actos as súas constantes e baleiras promesas de apoio ao medio rural. Dificilmente podemos facer fronte ao imparable proceso de desertización e abandono do campo que levamos sufrindo nas últimas décadas se, dende a Administración, se gravan ou se fan imposibles servizos e dereitos no rural que son gratuítos e accesibles para a cidadanía dos centros urbanos. Por iso, dende o SLG queremos expresar o noso total apoio á marcha reivindicativa organizada pola Plataforma en Defensa da Montaña e do Rural, que este sábado, 7 de setembro, culminará en Fisterra o Camiño de Santiago iniciado o 13 de xullo na praza do Obradoiro en defensa, precisamente, dun ensino público e gratuíto para todos os nenos e nenas cuxas familias seguen a apostar por vivir no campo ou por ter na agricultura e na produción de alimentos o seu medio de vida.

 

2Dias lectivos do curso 2013-14 tras descontar fins de semana, dous festivos locais e vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa, segundo o calendario escolar aprobado pola Consellaría de Educación.