A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xunta tenta criminalizar a loita contra a minaría salvaxe na Galiza impoñendo multas a ContraMINAcción

A Xunta tenta criminalizar a loita contra a minaría salvaxe na Galiza impoñendo multas a ContraMINAcción

20 de Septembro do 2013

Contraminacción

Foi o 2 de xuño de 2013, ao celebrar o Día do Medio Ambiente coa tradicional manifestación conmemorativa. Este ano, a convocatoria xirou sobre o tema que máis preocupa neste momento a ecoloxistas e cidadanía en xeral: a minaría a gran escala como proposta económica para Galiza. De xeito inesperado, o pasado 9 de setembro, o colectivo Verdegaia -que forma parte da plataforma ContraMINAcción, organizadora das protestas- recibiu unha multa de 450 €

A sanción foi imposta por supostos “destrozos coincidindo co paso do grupo polos locais afectados”. Eses danos incluirían pintadas de temática diversa en locais comerciais e o lanzamento de dous botes de fume.

Se os feitos detallados na denuncia se produciron diante dos axentes da policía, por que esta non actuou nese momento? Parécenos unha neglixencia pola súa parte, dificilmente crible tendo en conta o seu habitual exceso de celo nas manifestacións. Ou é que nos atribúen os feitos sen teren a certeza de que se produciron ese día e como froito da manifestación?”, pregúntase Nela Abella, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. “Se o que pretenden é que quedemos na casa vendo a tele en vez de mobilizarnos, que o vaian esquecendo”, engade.

Nacho Jorganes, representante do colectivo Verdegaia a nome de quen veu a multa, nega as acusacións: “En ContraMINAcción non temos coñecemento algún destes feitos, nin moito menos está involucrada nos mesmos”. Tampouco os múltiples medios de comunicación, reflectiron nada diso nas moitas noticias publicadas o mesmo día e nos días seguintes.

Para Margarida Prieto Ledo, do Sindicato Labrego Galego, “trátase dun claro intento por parte da Xunta de criminalizar a protesta social, ademais de intimidar e coaccionar a quen se opoñen aos seus destrutivos plans de levar a cabo proxectos mineiros a gran escala”.

Guadalupe Rodríguez, de Salva la Selva, vai máis alá ao afirmar que “os gobernantes fanse cómplices de empresas mineiras sen escrúpulos que intentan saquear o territorio galego, marchando co pouco ouro e outros minerais que se encontran no subsolo, nun intento de enriquecerse non tanto coa propia explotación mineira, senón máis ben co proceso especulativo en torno á mesma, como as subvencións que obteñen dos nosos cartos públicos ou mediante o xogo na bolsa canadense”. Ademais, ContraMINAcción oponse ás actividades mineiras a gran escala en toda Galiza, polos perigos que implican para a saúde da poboación e para o medio ambiente.

En todo caso, todos cos colectivos que pertencen a ContraMINAcción coinciden en considerar que “dende logo imos recorrer os 450 € que nos reclaman por supostos danos sucedidos o día da manifestación pacífica pero, en todo caso, quedan a conta dos millonarios danos que a Xunta está a causar a Galiza cos seus destrutivos proxectos mineiros”.

Con esta multa, a Xunta dá continuidade a un claro proceso de criminalización da protesta social que xa teñen sufrido outros colectivos e plataformas na Galiza. Tentan transmitir a quen non está de acordo coas súas políticas a mensaxe de que, desde agora, protestar pode saír caro. E mostran que a vara de medir é diferente á hora de aplicar a lei para coas empresas mineiras estranxeiras ou para coa xente galega de a pé.