A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia a marcha a Compostela contra a LOMCE da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

O SLG apoia a marcha a Compostela contra a LOMCE da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

26 de Septembro do 2013

Marcha contra a LOMCE

O Sindicato Labrego Galego apoiará a marcha a Santiago de Compostela que organiza este sábado, 28 de setembro, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. O SLG apoia esta manifestación por compartir coas entidades convocadoras o rexeitamento á reforma da LOMCE que quere levar adiante o ministro Wert e para protestar tamén polos recortes que está a sufrir a escola pública.

Como xa ten denunciado o Sindicato Labrego Galego, a vaga de recortes que se está a aplicar no ensino público cebouse, especialmente, cos centros escolares do rural: peche de escolas, redución de profesorado, falla de equipamento, supresión de comedores, desaparición de rotas de transporte, etcétera.

Agora, ademais, o Partido Popular saca da manga, e coa oposición de todas as demais forzas políticas, unha reforma educativa que se plasma na xa coñecida como Lei Wert, onde se contempla unha estrutura discriminatoria do alumnado e dos centros de ensino, segregando ao primeiro por resultados académicos e aos segundos dotándoos con mellor equipamento ou persoal dependendo da categoría dos alumnos e alumnas aos que atendan. Non fai falla ter o título da ESO para saber cales van ser os centros escolares de peor categoría: sen dúbida, os do medio rural, xa que son os peor dotados en todos os sentidos, moito peor dende a crise e os recortes.

Así, a Lei Wert agudizará a fenda entre as persoas que viven no medio rural e as que viven en centros urbanos importantes, creando unha división da cidadanía en categorías que se imporán dende a entrada do neno ou da nena no sistema educativo, con tres anos de idade, e impoñendo por decisión política a desigualdade educativa das persoas segundo o lugar onde nazan.

Por iso, o SLG chama a secundar a marcha do 28 de setembro a todas aquelas persoas que queiran oporse ao desmantelamento da escola pública, aos recortes discriminatorios dos centros escolares do rural e á Lei Wert.