A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As explotacións gandeiras da Galiza a piques de perder o anticipo das axudas da PAC por fallos da Axencia Tributaria

As explotacións gandeiras da Galiza a piques de perder o anticipo das axudas da PAC por fallos da Axencia Tributaria

7 de Outubro do 2013

Modelo 347

Debido a un fallo nas aplicacións informáticas da Axencia Tributaria, segundo puidemos constatar dende o SLG, un número elevado de explotacións de leite galegas que tributan por módulos aparecen como que non están ao corrente das súas obrigas fiscais por non ter presentado o modelo 347. O erro consiste en que ese modelo só é obrigatorio para as explotacións que tributan en réxime de estimación directa e non para as que o fan en módulos.

A cousa non iría máis alá de enlear aínda máis a carga burocrática que afoga as explotacións se non fose porque, por culpa deste erro administrativo, todas elas perderán o anticipo do 50% das axudas da Política Agraria Común (PAC) para este 2013, vital para inxectar liquidez nunha época na que as granxas están a facer grandes desembolsos para a compra de silos e forraxes de cara a alimentar ao gando no inverno. O problema vén porque o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) esixe que as explotacións solicitantes estean ao corrente das súas débedas coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social, dándolles de prazo até o 9 de outubro para certificalo. Como a petición do modelo 347 se fixo de xeito masivo, agora mesmo as oficinas da Axencia Tributaria están colapsadas emitindo certificados para as explotacións, de maneira que será imposible que poidan xustificar estar ao día con Facenda antes do vindeiro mércores, cando rematará o prazo para facelo.

A maiores, no Sindicato Labrego tamén detectamos que as inspeccións que se lles fixeron ás explotacións solicitantes destas axudas para certificar que están cumprindo coas esixencias medioambientais (condicionalidade) están a día de hoxe sen asinar, polo que tamén se arriscan a perder o adianto da PAC se a Consellaría de Medio Rural no axiliza este proceso.

Dende o Sindicato Labrego Galego, imos dirixirnos á Consellaría de Medio Rural para instarlle a ampliar o prazo de solicitude do adianto das axudas da PAC até que a Administración corrixa os erros da súa xestión. Para a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, “a Consellaría de Medio Rural está obrigada a ampliar ese prazo, habida conta de que os atrasos na xestión da solicitude se deben a erros da propia Administración, e a que o prazo para ingresar o anticipo, o 16 de outubro, deixa marxe para esa ampliación”.

“Sería inxustificable”, engadiu Isabel Vilalba, “que o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural nos vendesen o moito que apoian ás explotacións anticipando as axudas da PAC, ao tempo que sementan o proceso de solicitude con todo tipo de atrancos burocráticos alleos ás persoas beneficiarias e que, de non facer nada para remedialo, lles fará imposible recibir eses cartos antes do 1 de decembro, que é cando está previsto ingresar definitivamente os importes destas axudas”.