A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego Galego asesorará ás explotacións gandeiras afectadas polo concurso de acredores de Xertigan

O Sindicato Labrego Galego asesorará ás explotacións gandeiras afectadas polo concurso de acredores de Xertigan

9 de Outubro do 2013

Xertigan

O Sindicato Labrego Galego vén de convocar unha asemblea aberta na que participarán os gandeiros e as gandeiras afectados/as polo concurso de acredores da cooperativa Xertigan, que acumula unha débeda total, na que tamén se inclúen os impagos ás explotacións, de 2.964.885 euros. Nesta xuntanza participarán a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba; a coordinadora comarcal do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo; amais dunha equipa xurídica formada por Ramón Barreiro e Isabel Crende. O encontro terá lugar na sede do SLG en Vilalba (rúa Cidade de Viveiro 1, entrechán) o xoves, 10 de outubro, ás 21:30 horas.

O obxectivo da reunión é informar ás explotacións socias de Xertigan dos datos publicados no informe do administrador concursal e estudar, caso por caso, se cada débeda reflectida nese documento coincide coa reclamada por cada gandeiro ou gandeira. En caso contrario, o servizos xurídicos do SLG asesorarán e apoiarán a todas aquelas persoas que queiran reclamar, proceso para o que se abriu un prazo que rematará o vindeiro 21 de outubro.

Previamente, dende o Sindicato Labrego Galego asesorouse a varios socios de Xertigan para que comparecesen no concurso de acredores de cara a ter acceso ao devandito informe e poder facilitar o seu contido a todas as explotacións afectadas na xuntanza do xoves pois, segundo a secretaria xeral do SLG, “non teñen os datos necesarios para poder defenderse nin para ter garantías neste proceso. Con esta asemblea pretendemos informar para que todos e todas coñezan exactamente a débeda que a cooperativa ten con cada un/ha e para que quen queira poida reclamar con vistas a que non se conculquen os seus dereitos”.