A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os 3.000 millóns de euros que a administración gasta cada ano en alimentos serían un revulsivo para o medio rural

Os 3.000 millóns de euros que a administración gasta cada ano en alimentos serían un revulsivo para o medio rural

10 de Novembro do 2013

Compra pública

A Xunta de Galiza ten orzamentado só para este curso case 29 millóns de euros para comedores escolares, e iso cando vén de impoñer o copagamento neste servizo para poder darlle una retallada máis ao noso sistema educativo. Moitos deses cartos van para grandes empresas de cátering ou se gastan, maioritariamente, en mercar os alimentos a almacenistas que sempre optan polos produtos máis baratos sen ter en conta a súa procedencia, impacto medioambiental ou frescura.

A alternativa pasa por que a administración comece a mercar os alimentos para escolas, hospitais, centros penitenciarios, etc, con criterios como a eliminación de intermediarios, a aposta polos produtos frescos e de tempada ou a elección das explotacións locais á hora de facer esa compra. Son moitos millóns de euros que poderían supor un revulsivo para o noso medio rural e o medio ambiente en troques de selo para a contabilidade dunhas poucas empresas.

Disto e moito máis se falou e debateu na xornada sobre compra pública que organizaron o Sindicato Labrego Galego e Veterinarios sen Fronteiras (VSF), o pasado 8 de novembro, en Compostela. A primeira parte da xornada estivo centrada en intervencións como a de Xavier Gómez, de VSF, que presentou o estudio “Compra pública en sistemas alimentarios globais. Impactos sociais, ambientais e económicos”1. Xavier Gómez revelou que as diversas administracións do Estado están a gastar cada ano entre 2.000 e 3.000 millóns de euros en mercar alimentos, a metade dos cales acaban nas arcas de 9 grandes empresas de cátering, das cales dúas -Serunion e Eurestcompass- se levan o 21% do total despois de pasar por unha cadea comercial na que habitualmente hai seis intermediarios entre quen produce o alimento e quen o consume. Antón Lois, de Amigos da Terra, tamén foi moi crítico con este sistema de produción de alimentos, de grande impacto ecolóxico e responsable do 35% da emisión de gases de efecto invernadoiro. Un bo exemplo disto é o consumo de carne de porco e de polo no Estado español, que chega a absurdos como producir a mesma cantidade de polos e porcos para exportar que despois importa para consumir.

Pola súa banda, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, denunciou que o meirande dos recursos públicos en forma de compra de alimentos ou axudas á agricultura, acaban apoiando un sistema de produción do que se lucran grandes distribuidoras e industrias alimentarias, con marxes de beneficios abusivas. Estas marxes só son posibles mantendo os prezos en orixe a niveis que nin sequera cobren os custes de produción, cun impacto que se traduce nunha sangría na que miles de explotacións pechan cada ano e condenan ao noso medio rural á desertización.

No capitulo das alternativas, falaron a xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, Chefa Fernández, cuxo traballo co sector hortofroiteiro está a demostrar que os intereses dos labregos e labregas desta bisbarra pasan por producir alimentos de calidade e vender en circuítos curtos de comercialización e en mercados de proximidade. Neste senso, unha experiencia de grande interese foi a exposta por Xan Carlos Carreja, do grupo Lentura2, que é unha asociación de 18 produtores e produtoras de Rois, Dodro, Ames e Brión que puxeron en práctica hai anos a venda de alimentos á administración. Na actualidade, Lentura está a vender a súa produción a cinco centros escolares de Ames, amais de facelo en mercados como o Lusco e Fusco ou a cooperativas e grupos de consumo responsable. Finalmente, a vicerresponsable do sector hortofroiteiro do SLG, Belén Fervenza, expuxo as conclusións dun estudo que fixo sobre a compra pública de alimentos na bisbarra de Vigo e Redondela.

Rematada esta parte expositiva, o resto da xornada foi un intercambio de experiencias e propostas entre o medio cento de participantes, que se xuntaron en grupos de traballo e cuxas conclusións publicaremos en breve.

Compra pública

1http://vsf.org.es/informe-compra-publica

2http://agrolentura.wordpress.com/