A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. SLG e Verbo Xido informan sobre os proxectos mineiros que ameazan Deza, Tabeirós-Terra de Montes e O Carballiño

SLG e Verbo Xido informan sobre os proxectos mineiros que ameazan Deza, Tabeirós-Terra de Montes e O Carballiño

16 de Novembro do 2013

Charla en Presqueiras

O Sindicato Labrego Galego e a Asociación Verbo Xido deron, o pasado 16 de novembro, unha charla informativa sobre os proxectos mineiros que ameazan parroquias do concello de Forcarei e Beariz como Presqueiras, Xirarga e Rubillón. O acto serviu tamén para conversar sobre outros proxectos, a maiores, que afectan a municipios das comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e O Carballiño como Lalín, Silleda, Cerdedo, Avión ou A Lama. A charla, titulada “A mina de Presqueiras, Xirarga e Rubillón: Prexuízo ou beneficio?”, tivo lugar na casa do pobo de Guisande, en San Miguel de Presqueiras,

Este acto informativo correu a cargo de Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego; Xoán Doldán, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España (EcoEcoEs); Roberto Jorge Correa, presidente da Comunidade de Montes de San Miguel de Presqueiras; e Víctor Manuel Gil Ramos, secretario da Comunidade de Montes de Xirarga.

Un dos temores máis grandes da veciñanza afectada ten que ver co impacto que tería a actividade mineira sobre os recursos hídricos da zona, xa que as minas precisan utilizar cantidades inxentes de auga. Ademais, o impacto que tería a utilización de maquinaria pesada e a utilización de explosivos contribuiría a aumentar os efectos negativos da explotación mineira.

Na actualidade, pedíronse permisos de investigación para 5 proxectos mineiros nesta zona que afectarían a un total de 11.590 hectáreas. O maior destes proxectos é o Vilatuxe 3.129, solicitado en 2011 e pendente de resolución, que afecta a 7.650 hectáreas dos concellos de Forcarei, Silleda e Lalín. Ademais, tamén afectan a Forcarei, Cerdedo, Beariz, A Lama e Avión os proxectos Alberta 1 e 2, que abranguen en conxunto 6.491 hectáreas. Coma sempre, as empresas interesadas en explotar estes xacementos son estranxeiras. No caso do proxecto Alberta, trátase de Solid Mines, filial española da compañía canadense de con sede en Vancouver, Solid Resources LTD, que quere explotar minerais como tantalio, estaño ou litio nunha área de 11 quilómetros entre os núcleos de Presqueiras, Correa, Doade, Coto-Tocaio, Acebedo, Rubillón e Taboazas (Forcarei, Beariz e Avión), nunha zona que se inclúe na Rede Natura 2000.

Charla en Presqueiras