Manola Cerredelo dirixirá a dirección do sector na organización agraria durante os vindeiros catro anos.
O 31 de marzo tocoulle a quenda congresual ao sector da pataca. Desta vez, a afiliación das diversas comarcas pataqueiras de Galiza reuniuse na casa de cultura de Xinzo de Limia. Tralos debates da mañá, elixiuse á Dirección da Pataca do Sindicato Labrego, escolléndose como responsábel do sector a unha labrega de Sandiás: Manola Cerredelo Suárez. Se hai un sector agrario onde o incremento dos custes de produción e a caída de prezos chegan a ser insolentes, ese é o da pataca, polo que traballo non lles ha faltar aos oito membros da nova directiva.
Medio Rural publicou en abril a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, cuxos obxectivos son actuar nos montes e áreas próximas mediante o tratamento axeitado da biomasa residual, protexer os asentamentos rurais contra os incendios, regular os aproveitamentos e as repoboacións forestais, incentivar a creación de unidades de xestión sustentábeis, e regular a redacción dos diferentes plans de prevención e defensa. No presente texto adiántase un resume da equipa técnica de Frouma.
Foi unha das accións levadas a cabo nun encontro de labregas celebrado do 9 ao 11 de marzo en Compostela.
O 10 de marzo, dúas xornadas despois do Día Internacional da Muller Traballadora, duascentas labregas do SLG concentrábanse diante do Parlamento de Galiza e marchaban ata a compostelá Praza do Toural para esixir a titularidade compartida nas explotacións. Esta protesta foi a parte máis visíbel dun encontro de mulleres do SLG que se desenvolveu, entre o 9 e o 11 de marzo, para debater e fixar propostas de cara a facer real a igualdade entre homes e mulleres dentro e fóra da organización sindical.
O Sindicato Labrego Galego, en colaboración coa Consellería de Traballo, vai realizar un estudo acerca do efecto da aplicación de pesticidas e o seu impacto na saúde dos traballadores e traballadoras de floricultura e horta ao longo do ano 2007. Trátase dun estudo pioneiro a nivel do Estado español e ten como obxectivo determinar se os fitosanitarios están a afectar realmente, ou non, á saúde dos agricultores e das agricultoras da Galiza; e se os métodos de aplicación, de protección e hábitos na manipulación de agroquímicos, están a ser os máis axeitados, xa que existe un déficit de información obxectiva neste eido que impide realizar un diagnóstico acertado da situación.
A Consellaría de Medio Rural convocará unha nova xuntanza en breve para comezar a tratar os problemas deste eido da nosa produción gandeira.
O 10 de xaneiro, representantes da Dirección Nacional da Carne de Vacún deron unha rolda de prensa para facer públicos os temas tratados na última xuntanza deste órgano do SLG. En concreto, falaron en nome da Dirección o seu responsábel e vogal na IXP Tenreira Galega, Xosé Álvarez Lombardero; o responsábel sindical dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso; e o seu homólogo en carne de vacún, Elías Somoza. Semanas despois, o 1 de febreiro, Somoza e Santiso volverían comparecer diante dos medios de comunicación para facer pública a posición diante da Mesa da Carne, prevista para o 9 de febreiro.