23 de Maio do 2013 ·
O Sindicato Labrego Galego interpuxo ante o Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria, senllas denuncias por unha posible prospección ilegal de terras da que se fixo publicamente responsable a empresa mineira Erimsa.
16 de Maio do 2013 ·
Neste 17 de maio, dende o Sindicato Labrego Galego queremos manifestar o convencemento de que hoxe máis ca nunca é preciso un compromiso inquebrantable de todos os galegos e galegas coa lingua galega, coa nosa cultura e cos demais bens que forman parte da nosa identidade como pobo. Desexamos salientar o valor de compromisos vitais como Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013, a prol dunha creación cultural galega con fe en si mesma e na sociedade na que nace, e con capacidade de traducir en termos de universalidade a nosa particularidade. Temos a irrenunciable necesidade de enfrontar as numerosas medidas que agriden e desprezan a nosa lingua, a nosa cultura, que non dubidan en esquilmar a nosa terra e o noso medio natural, emprobrecendo tamén á maioría das persoas, con retrocesos históricos a nivel de dereitos.
16 de Maio do 2013 ·
Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa hoxe, 16 de maio, para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.
16 de Maio do 2013 ·
Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a poñerse do lado dos labregos e labregas da Galiza expresando publicamente o seu rexeitamento ao informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC) sobre o borrador da Lei da Cadea Alimentaria. Como xa denunciou o SLG, este informe pretende abortar a introdución de prohibir as vendas por baixo dos custes de produción no texto definitivo da lei.
10 de Maio do 2013 ·
O Sindicato Labrego Galego pide ao Ministerio de Agricultura que tome partido polas explotacións e polos labregos e labregas e inclúa no articulado da Lei da Cadea Alimentaria a prohibición de que se impoñan prezos por baixo dos custes de produción, unha práctica a todas luces abusiva que arruinou e segue a arruinar a miles de explotacións e que atenta contra os principios máis básicos das relacións comerciais. E esa toma de partido tense que traducir en desautorizar o informe que vén de publicar a Comisión Nacional da Competencia (CNC) no que arremete, precisamente, contra esta prohibición por entender que “supón incluír no proxecto un mecanismo de fixación de prezos mínimos”.
O Sindicato Labrego amosou, unha vez máis, a súa indignación ante a parálise da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura á hora de crear as condicións necesarias para que as explotacións leiteiras e as industrias poidan negociar un prezo do leite que satisfaga a todos os axentes do sector, tal e como se fai en Francia. O SLG volve incidir nesta denuncia porque, o 22 de decembro, a Interprofesional Leiteira de Bretaña e o País do Loira (Cilouest) fixaba un prezo de referencia para o leite en xaneiro de 2012 de 33,81 céntimos por litro1.
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos aproveitar o nomeamento de Miguel Arias Cañete como Ministro de Agricultura para, ademais de felicitalo, lembrarlle os grandes retos que ten sen resolver enriba da mesa e animalo a emprender reformas con decisión e valentía. Ao SLG gustaríalle que Arias Cañete fixese caso ás palabras de Rajoy durante o debate de investidura, nas que dixo que cumpría realizar as reformas necesarias para rematar "coa inestabilidade das rendas dos agricultores".
Coincidindo coa aprobación dos orzamentos da Xunta para o 2012, o mércores 21 de decembro, a Plataforma SOS Sanidade Pública manifestouse xunto ao Parlamento de Galicia en protesta polos recortes que está a sufrir o noso sistema sanitario, especialmente nas comarcas rurais. O Sindicato Labrego Galego apoiou as reivindicacións coa presenza de varias persoas da organización entre as que se atopaba Lidia Senra.
O Sindicato Labrego Galego denuncia que o colapso da Oficina Agraria Virtual durante toda esta semana causou e está a causar graves prexuízos nas explotacións gandeiras galegas. Dende o pasado luns, 12 de decembro, foi case imposible realizar xestións básicas para calquera gandeiro ou gandeira como dar de alta aos xatos acabados de nacer. Ao non poder rexistrarse, os animais nados nos últimos días non se puideron vender, cos prexuízos que isto causou.
Unha comitiva de gandeiros e gandeiras afectados polos impagos de Lácteos Tambre volveu concentrarse hoxe, 16 de decembro, na factoría desta empresa en Penateixa (Sigüeiro) para protestar ante os impagos que mantén a moitas explotacións que levan sen cobrar varias entregas de leite dende hai un ano, cando a Lei de Morosidade obriga ao pagamento dos produtos perecedoiros nun prazo máximo de trinta días. Aínda que as explotacións apoiadas polo Sindicato Labrego Galego e que se atreveron a denunciar son seis -que en conxunto teñen unha débeda contraida coa láctea duns 60.000 euros- “as afectadas son moitas máis e o seu número non para de medrar”, afirmou Irene Vázquez Astray, unha das gandeiras presentes na concentración que ten a súa granxa en Burres (Arzúa).
O Sindicato Labrego Galego critica a decisión da Xunta á hora de darlle o visto bo ao proxecto de construír unha incineradora de lixo no concello ourensán do Irixo, pois a súa realización só vai beneficiar ao capital privado e traerá graves consecuencias medioambientais na zona, o peche de explotacións agrarias e máis despoboamento.
O Sindicato Labrego Galego denuncia que o acordo entre Comisión e Parlamento europeos e o Consello de Ministros deixa ao sector lácteo totalmente en mans da industria. O acordo adoptado o 6 de decembro renuncia a crear mecanismos para que os produtores e produtoras de leite teñan prezos estables e que permitan integrar as subas nos custes de produción.
O secretario de Servizos ás Explotacións no Sindicato Labrego Galego, Xosé Manuel Calvo Rei, e Xosé Ramón Cendán, tamén da organización agraria, reuníronse hoxe, 30 de novembro, na Coruña, co delegado especial da Axencia Tributaria en Galiza, Luís Pazos, para tratar os problemas xerados polo envío masivo e indiscriminado de cartas a labregos e labregas requiríndolles o modelo 347, que serve para declarar as operacións con terceiros de máis de 3.005,06 € e é obrigado para aquelas persoas que están nun réxime fiscal de estimación directa; tamén están obrigados a facelo aqueles profesionais da agricultura que estean nun réxime fiscal por módulos se fan vendas a terceiros por máis de 3.005,06 € e esa factura non ten retención.
O Fouce 289 vén de saír do prelo con novas como a campaña contra as forestacións ilegais de terras agrarias na Galiza, a oposición á proposta de Lei de Montes, a presentación do proxecto de reforma da Política Agraria Común ou un especial de oito páxinas onde se debulla polo miúdo o que deu de si o VIII Congreso do Sindicato Labrego Galego. Podes descargalo en pdf na parte inferior desta páxina.
Neste 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego fai un chamamento ás administracións públicas e á sociedade no seu conxunto para rematar coa maior lacra social que temos na actualidade. Case 70 mulleres e 14 persoas relacionadas con elas foron asasinadas neste 2011. Cómpre facermos entre todas e todos unha reflexión profunda para recoñecer a barbarie que significan máis de 80 mortes violentas por esta causa.