A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. II Foro de Agroecoloxía: Mostra de proxectos de comercialización de alimentos agroecolóxicos

II Foro de Agroecoloxía: Mostra de proxectos de comercialización de alimentos agroecolóxicos

11 de Decembro do 2017

Foro Agroecoloxía

No #Fouce317 vén unha ampla crónica do II Foro Labrego de Agroecoloxía, que se celebrou nas instalacións da Illa de San Simón o 28 e 29 de outubro. Compartimos con vós un resume da palestra que levou por título "Proxectos de comercialización de alimentos agroecolóxicos", e que contou coas intervencións de Biocoop, Nutrenbio, Bioalai e MiMá.

BIOCOOP

A primeira experiencia de comercialización que coñecemos foi a de Biocoop, cooperativa con sede en Verín con vinte anos de historia. Biocoop naceu coa intención de recuperar razas de gando vacún ourensás en perigo de extinción mediante a produción ecolóxica en ganderías extensivas. É de ámbito provincial, aínda que comercializa tamén a produción de granxas colaboradoras doutras provincias. En cifras, cando remate 2017, terán comercializado uns 600 xatos e vacas e 200 años.

As granxas de Biocoop suman unhas 2.000 cabezas de gando e 4.000 hectáreas de terras, que supoñen o 30% da superficie ecolóxica de Galiza e o 30% do censo de razas autóctonas en perigo de extinción. En concreto, crían Vianesa, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Cachena.

Biocoop comercializa en todo o Estado e, ademais, xestiona tamén o sacrificio dos animais. Venden a tendas, directamente a consumidores e consumidoras, restauración, intermediarios, centros escolares, etc.

En canto á presentación do produto, comercializan en diversos formatos: canais, medios canais, bandexas envasadas ao baleiro con partes concretas. Tamén utilizan o sistema defresh orientado á venda a familias: bandexas entre 300 e 400 gramos pensadas para consumir dunha soa vez, con diversas partes de carne pero cun prezo único.

Biocoop

NUTRE EN BIO

Nutre en Bio naceu en 2015 ao unirse catro familias de Salvaterra de Miño, coas súas respectivas fincas de horta e froita ecolóxica, nunha sociedade cooperativa para compartir a fase de comercialización dos seus produtos. Comezaron de maneira humilde, cun capital social de 4.000 € e un local prestado. Posteriormente, uníuselles un socio máis. Todas e todos teñen en común producir hortalizas e froita fresca certificadas polo Craega.

Os primeiros meses de traballo foron fundamentais para coñecerse e para comezar a funcionar. Unha vez que se asentaron, alugaron por un prezo asequible unha nave nun polígono industrial no ano 2016. Non teñen traballadores ou traballadoras, polo que son as propias socias e socios quen se encargan das distintas fases do traballo de comercialización: compravenda, comunicación, empaquetado, atención á clientela, contabilidade, etc. Unha vez ao mes, teñen unha xuntanza de traballo e, máis alá das tarefas de comercialización que lle tocan a cadaquén, dedícanse fundamentalmente ás súas fincas e granxas, das que seguen sendo responsables. O único que lles afectou á hora de traballar a terra foi ter que planificar entre todos os cultivos para coordinarse.

A intención orixinal de Nutre en Bio foi a de mellorar a calidade de vida dos socios e socias. Estamos a falar de labregos e labregas que xa vivían profesionalmente da agricultura que se uniron para mellorar no tema da comercialización, xa que este eido do traballo supoñía un esforzo enorme a nivel individual que, moita veces, non dabamos atendido. Supoñía, tamén, ter que estar pendentes os 365 días do ano das vendas, pois non podías deixar clientes colgados por unhas vacacións. Agora, un socio pode marchar de vacacións ou ter unha baixa laboral sen que pare o proceso de comercialización”.

Ademais, xuntos fixeron forza para negociar os prezos de reparto coa empresa de transportes, conseguindo importantes rebaixas nas tarifas, e conseguiron chegar a moitos máis puntos de venda que en solitario. Grazas a todo isto, hoxe en día venden en todo o Estado. Trátase dun proxecto que acaba de nacer, polo que seguen explorando novas posibilidades. Agora mesmo, están estudando a posibilidade de facer produtos transformados, como salsa de tomate, cos excedentes, xa que entre todos os socios e socias lles sería máis doado xuntar a cantidade suficiente como para poder procesar eses excedentes nunha envasadora industrial.

Nutrenbio

BIOALAI

Bioalai é unha asociación sin ánimo de lucro creada para xuntar esforzos no consumo consciente de alimentos ecolóxicos e que foi pioneira na provincia de Álava e na cidade de Vitoria cando se fundou en 1993 con 30 socios e socias. Dende aquela, o proxecto medrou até chegarmos a hoxe con 1.200 persoas socias e un local de 600 metros onde teñen á venda 4.000 produtos, dos cales 300 son a granel e 100 mercados directamente a produtores e produtoras dentro dun radio de 150 quilómetros e sendo un terzo da propia provincia. Hoxe en día, Bioalai factura cada ano 1'5 millóns de euros e teñen once persoas empregadas que suman nove xornadas laborais completas.

Máis alá do consumo de alimentos, Bioalai funciona como un potente axente social, organizando entre 25 e 40 actividades por ano, colaborando con entidades como a Rede de Sementes de Euskadi, mantendo unha leira na rede municipal de hortos urbanos de Vitoria, e facendo da súa sede un espazo multifuncional con cociña, curruncho para xogos infantís ou punto de intercambio de sementes.

Respecto ao xeito que teñen de comercializar os produtos que mercan directamente a granxas, pagan un prezo xusto e póñenlle unha marxe só do 10% para vender. Tomando o leite como exemplo, páganlle ao produtor 90 céntimos por litro e véndeno a 1'03 € aos socios e socias.

Outra parte importante da comercialización é a etiquetaxe: á hora de mercar, visibilízase se o produto foi adquirido directamente á granxa ou non e, en caso afirmativo, están en lugar visible os datos da explotación e unha fotografía do labrego ou da labrega. Neste senso, organizan visitas periódicas ás granxas que lles fornecen e están a estudar a posta en marcha dun sistema participativo de garantía.

Bioalai

MIMÁ

María Xosé e Miguel recalaron hai cinco anos en Meire (Allariz), no Val do Arnoia, onde adquiriron casa e leiras para tentar vivir da terra. Iniciaron o seu proxecto dende premisas agroecolóxicas, tentando ter a maior autonomía posible á hora de producir. Un bo exemplo disto foi a decisión de vender o tractor que mercaran en 2013 e apostar pola tracción animal. Para iso, Miguel tivo que formarse en Bragança coa Asociación Portuguesa de Tracción Animal. Os resultados foron moi positivos, pois coa egua “o traballo é moi fino e eficaz, ao traballar por regos, e sen ruídos. Ademais, os animais producen abono de calidade. Co tractor non podiamos laborar entre cultivos e compactaba moito a terra nas beiras”.

Hoxe en día, MiMá, que así se chama a sociedade de María Xosé e Miguel, producen hortalizas e mel, baixo a marca Abellas Hainas, nunha hectárea de terras, todo ao aire libre, sen invernadoiros. Dentro da filosofía do seu proxecto, fan os seus propios adubos e procuran producir as súas propias sementes e plantas.

A aposta pola venda directa tamén foi clara dende o principio pero, até hoxe, tiveron que probar diferentes alternativas. Por exemplo, tentaron fornecer tres centros escolares da zona, o que lles obrigou a centrar os cultivos en media ducia de produtos. Porén, cando foron vender as primeiras colleitas en 2016, dous colexios deron marcha atrás e quedaron con un, o de Xunqueira. No lado positivo, a cercanía; no negativo, compra de pouca cantidade e a obriga de rebaixar un 30% o prezo. Tamén venden en catro tendas da cidade de Ourense, ao grupo de consumo Agrelar de Allariz, a un restaurante, reparto de cestas a domicilio e no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz que se celebra cada sábado.

Nesta intensa experiencia á hora de vender, o que lles está resultando máis rendible é o posto no Mercado da Reserva da Biosfera. Con cifras de 2017, MiMá vendeu neste mercado o 50% da súa produción, coa avantaxe de que é onde conseguen mellores prezos e onde teñen contacto directo cos consumidores e consumidoras. Porén, outras apostas outrora fortes, como a dos centros escolares, só lles supoñen o 1% da produción. O resto repárteno así: 10% ao grupo de consumo, 7% ao restaurante, 11% nas cestas a domicilio e 22% a tendas. Ao final, apostaron por ter unha horta máis variada “porque a variedade é o que máis vende”.

Mimá