A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. Conclúe o Foro do SLG en Allariz reforzando a súa aposta por consolidar proxectos e redes de agrocoloxía na Galiza

Conclúe o Foro do SLG en Allariz reforzando a súa aposta por consolidar proxectos e redes de agrocoloxía na Galiza

22 de Outubro do 2018

III Foro Labrego Agroecoloxía

O Sindicato Labrego Galego, coa colaboración do Concello de Allariz, celebrou durante a fin de semana do 20 e 21 de outubro a terceira edición do Foro Labrego de Agroecoloxía baixo o lema "Camiñando xuntas pola soberanía alimentaria". De seguido, compartimos con vós un resume de todo o que deu de si este evento que trataremos máis a fondo no Fouce.

Antes do acto inaugural, organizamos unha visita ao Mercado da Reserva da Biosfera na mañá do sábado. Alí, o concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, Bernardo Varela, nos explicou a historia desta praza na que se venden alimentos de calidade cultivados e producidos no rural da bisbarra. Este mercado comezou a súa andaina en 2014 e é unha das mellores expresións de que, co apoio decidido das administracións municipais, é posible dinamizar o campo e pór en marcha todo tipo de iniciativas agrogandeiras viables: carne de boi, mel, hortalizas, xabrón de leite de burra, pan, cervexa, embutidos, alimentos elaborados con fariña de castaña, queixo de ovella, lácteos, etc., foron exemplos de producións que puidemos coñecer de primeira man no mercado. Con esta aposta, probablemente, acadaron un dos retos máis difíciles de lograr: que Allariz sexa, por si mesmo, un indicativo de calidade polo que a xente opta á hora de mercar.

Mercado da biosfera Xa pola tarde, tras un xantar no Mercado da Reserva da Biosfera con alimentos locais, inaugurouse o programa de actividades. As encargadas de facelo foron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e Sonia Vidal Lamas, gandeira de Xunqueira de Ambia que forma parte da Executiva do Sindicato Labrego Galego. Previamente, houbo unha mística na que varias mulleres abandonaban un sistema industrial de alimentación no que as persoas son meros entes que consumen; para apostar por outro agroecolóxico que trata aos seres humanos de maneira integral e crea redes de relacións e afectos entre os labregos e labregas que producen os alimentos e as persoas que os consumen. Desta maneira, co berro de “Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza”, arrincaba o Foro.

inauguración Tralas intervencións inaugurais, celebrouse unha palestra na que as persoas asistentes puideron escoitar a testemuña de proxectos innovadores que tiñan como denominador común, precisamente a agroecoloxía: Maskilu, unha conserveira colectiva de Zeberio onde calquera persoa pode levar as súas producións para transformalas en conservas de froitas, hortalizas ou cogomelos; a Cooperativa Cume do Avia, que elabora viño ecolóxico no Ribeiro; a Asociación Noneomesmo, que está a crear unha rede entre labregos e labregas, tendas de alimentación e restaurantes de produtos ecolóxicos que procura a difusión dos valores da agroecoloxía; ou Daqui e darredor, un proxecto colaborativo promovido polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela, que puxo en marcha un matadoiro móbil e unha cociña colaborativa para a transformación de alimentos.

palestra proxectos Xa cara a última hora da tarde, Isabel Álvarez Vispo presentounos a rede internacional Urgenci, que promove a nivel internacional as comunidades mantedoras da agricultura; e realizouse un obradoiro práctico para ensinar técnicas e chaves para mellorar aspectos dos traballos colectivos.

Isa Álvarez E, tras un breve descanso, volvémonos xuntar para facer un obradoiro práctico para traballar as relacións colectivas, un dos piares básicos da agroecoloxía, que non se entende sen a colaboración entre persoas e a creación de redes, sexa para traballar, sexa para consumir, sexa para alimentar tamén as emocións e os afectos. Para iso, contamos como condutor da actividade con Serxio Sánchez Taboada.

Obradoiro Serxio Ao día seguinte, 21 de outubro, a programación da mañá iniciouse retomando o fío práctico co que se rematou a xornada anterior cun obradoiro sobre a viabilidade económica dos proxectos agroecolóxicos. O encargado de impartilo foi Jorge Molero Cortés, agricultor ecolóxico, enxeñeiro agrónomo especializado en agroecoloxía e profesor da Universidade de Córdoba. Para lograr que un proxecto agrario sexa viable, máis alá de facer ben o traballo produtivo, é necesario xestionalo correctamente para que sexa sostible dende un punto de vista económico. No obradoiro de Molero, a través do traballo en grupos, adquiríronse os coñecementos e ferramentas necesarias para saber se a xestión económica de cada proxecto está a ser a correcta, se é preciso cambiar o camiño trazado, ou mesmo pechar o proxecto antes de que sexa demasiado tarde e reiniciar outro nun lugar e cun enfoque distinto.

Obradoiro Molero Proseguiu a mañá cunha exposición sobre o BOND Project. O BOND (das siglas en inglés “Bringing Organisations & Network Development to higher levels in the Farming sector in Europe) é un proxecto Horizonte 2020 no que participa o Sindicato Labrego Galego xunto a organizacións agrarias de toda Europa, universidades e entidades como a FAO. O seu obxectivo é acadar altos niveis de organización e creación de redes para desenvolver un sector agrícola máis forte, sostible e harmonioso en Europa a longo prazo. Neste caso, Dora Cabaleiro, da Cooperativa Ribeiregas (Negueira de Muñiz), que representa ao SLG neste proxecto, explicounos as experiencias que coñeceu en senllas viaxes de traballo a Valencia e Gales e analizou, máis polo miúdo, aquelas que poderían aplicarse na Galiza. Posteriormente, realizouse un obradoiro práctico en relación coas liñas de acción do BOND Project, centrado en aspectos como a comercialización, as alianzas, as normativas públicas e a transferencia de coñecementos.

BOND Project Xa pola tarde, nas instalacións da Fundación Ramón González Ferreiro, os profesores da USC, Emilio Carral Vilariño e Xoán Carlos Carreira, compartiron con nós a experiencia da Rede Revolta de Agroecoloxía, composta por oito grupos de investigación das universidades galegas e que procura ser un lugar de encontro e debate ao redor da agroecoloxía e o medio rural galego. Trátase dunha rede de interacción entre diferentes grupos de investigación que traballan ao redor da disciplinas como a ecoloxía, as enxeñerías rurais (agronómica e forestal), a economía agraria, os estudos da cultura, a bioloxía e a historia agraria.

Calín e Emilio Carral Para dar por concluído o III Foro Labrego de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego, as persoas que asistiron ao longo da fin de semana tiveron que debullar mazarocas de millo para valorar a fin de semana en termos como os contidos, a igualdade de xénero ou loxística. Finalmente, celebramos unha mística nunha carballeira na que, cos pés na terra e a través da danza, cadaquén pediu un desexo de cara a facermos un mundo mellor a través da Agroecoloxía e Soberanía Alimentaria.

Mística