A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. A Mocidade do Sindicato Labrego Galego consolida as Xornadas de Granxas Abertas con dúas novas edicións

A Mocidade do Sindicato Labrego Galego consolida as Xornadas de Granxas Abertas con dúas novas edicións

16 de Xaneiro do 2020

Marta

Dende a publicación do último Fouce, a Mocidade do Sindicato Labrego Galego organizou dúas Xornadas de Granxas Abertas. A primeira delas foi no sur da bisbarra compostelá o 6 de novembro e estivo centrada en fincas hortícolas. En concreto, visitamos o proxecto Burbullas de Sol en San Mamede (Vedra), que rexentan Conchi e Miguel, producindo hortalizas e froita para vender directamente en mercados ou cestas. Un pouco máis ao sur, en Paradela (A Estrada), Óscar ensinounos as súas leiras e invernadoiros nos que produce para fornecer pequenos comercios da comarca.

O 19 de decembro organizáronse as quintas Xornadas de Granxas Abertas, desta vez a ambas beiras do río Eo, en Tapia de Casariego (Asturies), onde coñecemos a granxa de leite ecolóxico de Guzmán e o proxecto de inserción laboral de persoas discapacitadas que a Fundación Edes leva a cabo na finca El Cabillón; e en Ribadeo, onde nos achegamos até a finca As Fadegas, onde Montse e Marta dan continuidade a un proxecto de horta agroecolóxica pioneiro na Galiza e iniciado antes mesmo da creación do Craega por Elia e Vicente, nai e pai de Marta.

Vexamos agora, unha a unha, en todas estas experiencias:

Todos

CONCHI DOCAMPO, Burbullas de Sol (Vedra)

Miguel e Conchi recalaron en Vedra en 2005. Comezaron con horta de autoconsumo e, en 2014, deron o paso para profesionalizarse. Hoxe son catro coas crianzas, pero ela é a única que se dedica totalmente á horta, xa que Miguel traballa a media xornada fóra para completar ingresos. “Cotizar dúas persoas nun proxecto familiar de horta é moi complicado”, comenta Conchi.
O principal atranco para instalarse foi o acceso á terra. De feito, agora mesmo teñen só 2.000 metros de terras a carón da casa, onde hai un pequeno invernadoiro para planta e maceiras. As outras fincas que traba- llan son cedidas e lonxe da vivenda: unha de tres hectáreas con froiteiras, horta e porcos criados fóra; e a outra cos invernadoiros. Ao ter as terras lonxe da casa, tiveron problemas con roubos reincidentes de galiñas.
En canto á comercialización, fan venda directa en mercados, como o Lusco Fusco, os martes en Belvís (Compostela); e tamén venden cestas a domicilio en Vedra e Santiago, que reparten os xoves. O problema desta maneira de comercializar é que no verán descenden moito as vendas porque a xente marcha fóra, de maneira que nunha época que debería supor un pico de ventas polo aumento da produción, só conseguen manterse.

Conchi

ÓSCAR FERNÁNDEZ CUTRÍN, É Vida (A Estrada)

Antes de dedicarse á agricultura, Óscar traballou fóra durante quince anos, até que a necesidade de ter que coidar de persoas maiores lle fixo dar unha viraxe á súa vida dedicándose á terra. Agora mesmo, xa leva tres anos co proxecto É Vida, na parroquia de Paradela (A Estrada). O feito de que a familia xa tiña terras suficientes -2 hectáreas-, todo tipo de froiteiras en plena produción, e algunha maquinaria e instalacións, animouno a dar o paso. Hoxe, traballa 4.000 metros onde planta todo tipo de hortalizas, amais de criar animais, dende ovellas a galiñas. A maiores, produce froita e mel.
No seu caso, tamén apostou pola comercialización directa: “Fun probando e collendo experiencia, visitando fincas, e hai tres anos que me din de alta producindo e vendendo a pequenas tendas de Compostela e A Estrada. Refusei a posibilidade de vender cestas porque, ao estar só, non podía garantir a mantenza dun mínimo de produción variada todo o ano”.
Os comezos foron duros, xa que “gastas máis que gañas para darte a coñecer. Non recibín subvencións. Investín os aforros en mercar un tractor de segunda man e montei un invernadoiro grazas a un préstamo. Os dous primeiros anos ás penas gañei para pagar a Seguridade Social”.

Oscar

GUZMÁN CASTAÑEIRA, Ganadería EcoVacuno de Leche, Tapia de Casariego (Asturies)

Guzmán comezou hai 37 anos coa granxa de leite en convencional, pero hai 20 pasou a ecolóxico. Dende o comezo apostou polo pastoreo, polo que a transición non foi difícil. Hoxe en día xestiona 60 hectáreas de terras. Das 90 reses que ten, están en muxido entre 60 e 65.
Aínda que comezou con frisoas, probou a cruzar con outras razas como Belga Azul ou Fleckvieh con resultados moi positivos. Hoxe en día, todas as vacas que ten son cruzadas.
Obviamente, co paso a ecolóxico e co cruzamento de razas descendeu a produción de leite, pero co paradoxo de que se incrementaron os beneficios. “Antes, produciamos máis de 7.000 litros por vaca. Agora, producimos a metade, pero gañamos o dobre. Contra menos dan as vacas, máis gañas. Dos nosos ingresos, quédanos o 60% é beneficio. Non utilizamos maquinaria, non temos que pagar amortizacións, os tratamentos veterinarios son homeopáticos. Nós temos un prezo ao redor de 50 céntimos por litro. As axudas supoñen uns 4 céntimos máis e a iso habería que engadir calidades, etc”.
En canto ao manexo de pastos, non sementa herba, senón que a deixa medrar de maneira natural, abonando coa propia bosta das vacas e corrixindo a acidez con cal de canteira. 

Guzmán

ANTÓN GARCÍA MÉNDEZ, Fundación Edes e Finca El Cabillón, Tapia de Casariego

El Cabillón é unha iniciativa da Fundación Edes, fundada en 1999, que comezou no ano 2006 e coa que se articula unha saída laboral para persoas con discapacidades psíquicas ou físicas na comarca de Tapia de Casariego. “O 90% das persoas que traballan en El Cabillón teñen unha discapacidade recoñecida do 33% ou superior, con soldos superiores ao salario mínimo interprofesional. Nas contas do último ano, demos cuberto estes salarios coa venda das nosas producións, e tivemos contratadas 18 persoas”. Dende os seus inicios, El Cabillón deu traballo a máis de 40 persoas.
En El Cabillón, toda a produción que teñen é ecolóxica certificada. Traballan unha finca de 9 hectáreas cedida polo concello que en boa parte ten problemas de empozamento cando chove a pesares das numerosas obras de drenaxe realizadas. Unha parte da finca está plantada con maceiras para sidra e arandos. O resto, con invernadoiros e horta ao aire libre.
En canto á comercialización, apostaron dende o comezo pola venda directa en feiras, pequeno comercio, grupos de consumo, restaurantes, comedores escolares e nunha tenda propia que teñen na mesma finca. Complementan a produción con traballos de xardinería e actividades de sensibilación ambiental.

Cabillón

MARTA MÉNDEZ e MONTSE LAIA, Finca As Fadegas (Ribadeo)

Xa en terras galegas, Marta e Montse ensináronnos a súa finca de horta e froita ecolóxica As Fadegas. Ambas colleron hai tres anos o relevo de Elia e Vicente, nai e pai de Marta, que foron pioneiros na produción ecolóxica na Galiza, antes mesmo da creación do Craega, e mesmo en horta, ao montar o primeiro invernadoiro da provincia de Lugo en 1978.
Actualmente, traballan 1.800 metros de invernadoiros e unha hectárea ao aire libre. Aínda que cultivan de todo, a súa hortaliza estrela é o tomate. O pemento e a xudía tamén ocupan boa parte de cada campaña. No inverno, a base da súa produción son as brassicas, especialmente a coliflor e o brócoli, tamén porros e cenoria. 
No seu caso, apostaron pola venda directa, acudindo ao mercado de Ribadeo (dúas veces por semana no verán e con periodicidade semanal o resto do ano), onde venden o 90% da súa produción, e fornecendo tamén pequeno comercio e grupos de consumo nos que reparten entre 10 e 15 cestas quincenalmente. Teñen garantido o maior pico de vendas anual no verán grazas á afluencia de turistas á Mariña. Respecto desta estacionalidade nas vendas, Marta dixo que “se tivésemos que vivir só do que ingresamos no inverno, teríamos que pechar”.      

Montse