A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. Pedalada contra o cambio climático da Rede Galega Anticapitalista

Pedalada contra o cambio climático da Rede Galega Anticapitalista

9 de Decembro do 2009

Cartaz pedalada contra a mudanza climática

A Rede Galega Anticapitalista (Ra!), da cal o Sindicato Labrego Galego forma parte, presentou nunha  rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe en Compostela a realización dunha pedalada colectiva contra o cambio climático o vindeiro sábado 12 de decembro, Día de Acción Global contra a mudanza do clima. ACTUALIZADA: Galería de imaxes.

Mediante esta acción visibilizarase a esixencia aos gobernos, por parte da cidadanía, da toma de medidas verdadeiramente serias e definitivas para facermos fronte ao cambio climático.

GALERÍA DE IMAXES:

http://picasaweb.google.com/inaciogz/ImaxesPedaladaContraOCambioClimaticoEnCompostela12DeDecembroDe2009#slideshow/5414369174383299314

 

091209
Saída ás 12:00 dende a Alameda. Compostela
Trae bucina, timbre, chifres . . .e a túa bicicleta decorada!


12 de decembro. Día de Acción Global contra a mudanza do clima

Mudemos o sistema, non o clima!

 

A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.

 

Queda xa pouco tempo para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica. O Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar, malia os intentos de boicot dos EUA. É urxente acadar un acordo legalmente vinculante de redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013. Pero non vale calquera acordo. Precisamos un que recoñeza a Débeda Climática dos países enriquecidos cos empobrecidos, causada polo seu exceso de emisións históricas e actuais desestabilizadoras do clima, débeda que fai parte da máis ampla Débeda Ecolóxica.

 

A Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de mobilización contra a mudanza climática do 12 de decembro. Faino defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.

A Rede Anticapitalista reivindica:

 

  1. Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en 2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de século a redución das emisións debería ser do 100%.

  2. A adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por nove as da India.

  3. Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto.

  4. O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son inevitábeis e reduzan a deforestación.

 

Estamos convencidos de que a salvación do clima non virá dun imposíbel “capitalismo verde”. O crecemento indefinido da produción e o consumo é inherente ao sistema económico capitalista e non pode ser soportado por un planeta finito. Estamos a chocar contra os límites ambientais. Para solucionarmos de forma efectiva e xusta o cambio climático e os demais problemas socioambientais, en último termo, é necesaria unha transformación radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel. Iso implica que nos países enriquecidos debemos apostar polo decrecemento e abandonar a ilusión do “crecemento sustentable”.

 

Convoca: Rede Galega Anticapitalista
A Rede Galega Anticapitalista somos Adega, Altermundo, Amarante, A Baiuca Vermelha, Asociación Cultural O Curruncho, Cemma, CGT-Pontevedra, CGT-Arousa Colectivo Ártabra 21, C.S. A Esmorga, Enxeñería Sen Fronteiras, A Gentalha do Pichel, Implicadas no Desenvolvemento, Médicos do Mundo, Marcha Mundial das Mulleres,  Ospaaal, Foro de Inmigración, Panxea, Ais ‘O Peto’, Sindicato Labrego Galego, Sinerxia, STEG (Sindicato e Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza), Veciñ@s pola Tolerancia, Verdegaia, Véspera de Nada, Veterinarios sen Fronteiras, Whipala, A.C. Xermolos

 

091209

Rolda de prensa celbrada o mércores 9 de decembro en Compostela. Presentación da pedalada contra a mudanza climática.

 

  *Arquivo para descarregar:

Fernanda Couñago, da ONG Amarante, dá conta dos puntos do manifesto e da convocatoria para o vindeiro sábado 12 de decembro.

Ficheiro adxunto