A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. Hai unha resposta á crise climática actual: a agricultura labrega

Hai unha resposta á crise climática actual: a agricultura labrega

11 de Decembro do 2009

agricultura labrega, alimentación humana

O Sindicato Labrego Galego apoia as mobilizacións e accións para esixir respostas reais ao cambio climático, tanto as que están tendo lugar estes días no marco do Cumio do Cambio Climático en Copenhague, nas que o SLG está representado pola Via Campesina; como a pedalada que vai ter lugar en Compostela mañá, sábado día 12, organizada pola Rede Galega Anticapitalista, da cal o SLG forma parte.

Dende o SLG e a Via Campesina demandamos unha resposta real e contundente fronte a actual crise climática. A solución pasa por apoiar a agricultura labrega e sostíbel, que ten un papel clave e pode aportar ademais unha parte moi importante da solución.

 

Entendemos que o noso sistema alimentario actual pode ser un dos principais actores do cambio climático, e que as políticas agrarias e alimentarias poden contribuír, ou ben a quentar máis o planeta, ou ben a arrefrialo.

 

As cifras aceptadas internacionalmente sitúan á agricultura e alimentación (uso de abonos, metano…), engadidas ás emisións do cambio de uso da terra, do transporte de materiais agrícolas e da enerxía utilizada nas prácticas dos tratamentos e arrefriado dos alimentos, como responsábeis do 50% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro.

 

Este sistema de alimentación actual, baséase na consideración da comida coma unha materia industrial, producida a través de métodos industriais, longos circuítos de distribución non sostíbeis, e empregando grandes cantidades de produtos químicos cun grande uso de enerxía (en sistemas moi industrializados utilízanse máis de 10 calorías fósiles para producir unha soa caloría de comida).

 

Europa podería abrir o camiño cara o reprantexamento do modelo de agricultura e produción de alimentos. Cómpre cambiar radicalmente a política agraria e alimentaria e poñermos as bases para manter e desenvolver a agricultura labrega en base á terra, en explotacións diversificadas de dimensión humana, promovendo un uso reducido de enerxía e sen utilización de produtos químicos que deixan residuos perigosos no chan, nas augas e nos alimentos. Cómpre tamén priorizar a produción local para os mercados locais e de proximidade. Deste xeito, a UE podería contribuír a unha redución enorme do gasto de enerxía e emisións.

 

O problema reside en que, coa política agraria actual, as explotacións que poñen en práctica estes métodos están desaparecendo. A Política Agraria Común Europea (PAC) apoiou e fomentou constantemente prácticas agrícolas moi intensivas e competitivas na enerxía, recursos e combustíbeis fósiles, que favorecen á agroindustria e deixan nada ou moi pouco espazo para os modelos agroecolóxicos ou para as explotacións labregas e diversificadas.

 

Na Europa deberiamos facer fincapé na produción local e sostíbel de alimentos, eliminando a dependencia de alimentos animais importados, e fomentando prácticas agroecolóxicas que reteñan o carbono no solo e que aumenten a biodiversidade.

 

Co fin de lograr dito obxectivo a UE debe, xa que logo, poñer en práctica unha nova política agraria que:

 

-Manteña e estabeleza explotacións labregas de dimensión humanas, producindo alimentos en todo o territorio da Unión Europea, o que contribuiría a aumentar o emprego rural revertendo a tendencia actual que fai desaparecer unha granxa cada minuto na Europa.

 

-Fomentar os modos de produción sustentábel, en base á terra, sen utilización de produtos químicos que deixan residuos perigosos na terra e na auga e afectan á nosa saúde.

 

-Fomentar a produción local para os mercados próximos e de proximidade.

 

-Traballar activamente na protección de sementes autóctonas e o fomento de métodos locais de distribución e produción que se poidan adaptar mellor ós cambios climáticos que xa nos están a afectar.

 

 

 

Non temos por que depender do comercio do carbono ou doutros mecanismos de mercado para solucionar a crise climática. Pódense tomar medidas reais e eficaces aquí e agora.

 

A Unión Europea debe establecer axudas para fomentar prácticas agrícolas multifuncionais, sostíbeis e de baixos insumos, que están a demostrar ser máis produtivas e eficientes enerxeticamente que as grandes explotacións industriais.

 

O que podería contribuír activamente ao arrefriamento do Planeta, á vez que proporcionaría alimentos sans e de grandísima calidade para a cidadanía, é unha política agraria baseada no marco da Soberanía Alimentaria.

 

Este é o único modelo que ofrece unha alternativa á futura destrución medioambiental.