A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. Resposta ao comunicado de prensa enviado na tarde do onte pola CMR en alusión á PGA

Resposta ao comunicado de prensa enviado na tarde do onte pola CMR en alusión á PGA

14 de Abril do 2010

Plataforma galega antitransxenicos

En resposta á nota de prensa emitida ás 17:41hrs do día de onte pola Consellaría do Medio Rural (CMR) baixo o título “A UNIÓN EUROPEA É A ADMINISTRACIÓN QUE AUTORIZA OS CULTIVOS TRANSXÉNICOS. Medio Rural lamenta a actitude de quen pretende facela responsable dunha competencia que non é súa."

A Plataforma Galega Antitransxénicos manifesta o seguinte:

1.Descoñecemos en que se basea a CMR para realizar esta valoración. Instámola a que localice en calquera das nosas comunicacións públicas as palabras que nos adxudican nese texto.

Asemade, lamentamos que en resposta á reunión solicitada a primeira hora da mañá de onte, a fin de coñecer o posicionamento da CMR en materia de organismos xeneticamente modificados, sexa transmitido aos medios de comunicación un texto claramente belixerante no que se alude á cidadanía organizada baixo a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) coma “irresponsable, maledicente e prexuiciosa.”

Porén, reiteramos a nosa valoración ao respeito da falta de claridade -definida na comunicación da CMR coma “política escurantista”- na transmisión de información referida á presencia de OXM´s na Galiza, baseándonos no incumprimento dos puntos 2 e 4 do acordo emanado unanimemente do Parlamento Galego o 26 de novembro do 2008, no que se instaba á Xunta a:

2.Establecer sistemas de identificación, control e rastrexabilidade dos produtos agrogandeiros que garantan información ao consumidor sobre a súa procedencia e método do cultivo e/ou crianza.

4.Informar e formar a cidadanía, especialmente os profesionais do sector agrogandeiro en todos os aspectos e efectos relacionados cos OXM.

Sinalar que como consecuencia da indefensión en materia informativa derivada do incumprimento deste acordo, a PGA acudiu ao Valedor do Pobo para solicitar información da existencia ou non de parcelas experimentais.

 

2.Reiteramos a valoración de falta de claridade á vista tamén do incumprimento das premisas establecidas no Título II da Lei Estatal de Información Pública : Dereito de acceso á información ambiental, Capítulo 1 Obrigas das autoridades públicas en materia de información ambiental, Artículo 5. Obrigacións xerais en materia de información ambiental (páx.5), na que se dá conta das competencias das administracións autonómicas.

 

3.Que diante da concreción das competencias da Administración galega ao respeito de OXM´s, exposto espontaneamente pola Consellaría na citada nota de prensa:

Remitímonos á Lei 9/2003, de 25 de abril, Capítulo II, Artigo 4, “Competencias de las comunidades autónomas.":

Corresponde ás comunidades autónomas, salvo nos casos previstos no artigo anterior, exercer as funcións reguladas nesta Ley en relación cas actividades de utilización confinada de organismos modificados xenéticamente e outorgar as autorizacións de liberación voluntaria de ditos organismos para calquiera outro propósito distinto do da súa comercialización.

Así coma ao Artigo 5,3 do Real Decreto 178/2004, de 30 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da citada Lei.

 Por outra banda, e en consecuencia cos principios xerais establecidos no Artígo 44. da Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Naturaleza

(“Nas súas actuacións, a Xunta da Galiza adopatará as medidas necesarias para garantir a conservación, protección e recuperación das especies de flora e fauna que viven en estado silvestre na Galiza, con especial atención ás autóctonas”) aproveitamos para propoñer á Consellaría do Medio Rural que á hora de actuar diante da solicitude de realización de calquera cultivo transxénico, opte polo cumprimento do Artigo 47 desta Lei, baixo o epígrafe Preservación da pureza e diversidade xenética:

 

Non poderá autorizarse a liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente baixo condicións en que poidan alterar a pureza e diversidade xenética das poboacións naturais das especies autóctonas ou pór en risco calquera outro valor natural amparado pola presente Lei. En todo caso, establecerase un control específico para os organismos transxénicos.”

 

Por último, os 45 colectivos que en representación da sociedade civil constituímos a Plataforma Galega Antitransxénicos, e entre os cales atópase tamén o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA), reiteramos a nosa vontade de traballar conxuntamente coa Consellaría do Medio Rural en aras da consecución da aplicación de medidas, xa levadas adiante por outras comunidades autónomas facendo uso das súas competencias, como a de declararse libre de transxénicos (Euskadi, Baleares, Canarias e Asturias) ou desenvolver a súa propia lexislación en materia de organismos modificados xeneticamente, co fin de poder desempeñar as funcións asignadas polo artigo 4 da Ley 9/2003 (Andalucía, Aragón, Baleares, Castilla La Mancha, Castilla León, Cataluña, Extremadura, Madrid, Navarra e Valencia).

Neste senso, agardamos ter o máis pronto posíbel resposta á solicitude de reunión realizada na mañá de onte.

 

____________________________________________

 

Documentación adxunta:

  1. Comunicado emitido pola CMR.

  2. Fax solicitando reunión co Xefe da área de Sanidade Vexetal.

  3. Acordo Parlamento Galego.

  4. Solicitude de información realizada ao Valedor do Pobo.

  5. Lei Estatal de Información Pública

  6. Lei 9/2003, de 25 de abril.

  7. Real Decreto

  8. Documento desenvolvemento leis comunidades autónomas.

  9. Lei 9/2001 de Conservación da Natureza

Ficheiro adxunto