A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. Localización da parcela solicitada en Mesía por Pioneer e debate no Parlamento Galego

Localización da parcela solicitada en Mesía por Pioneer e debate no Parlamento Galego

7 de Maio do 2010

parela mesía pioneer

Na mañá de hoxe, Charo Sánchez Parga e Analía Moares Lameiro, voceiras da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), deron conta en rolda de prensa do coñecemento da localización exacta da única parcela solicitada na Galiza -no presente ano 2010- para a realización de ensaios coas variedades de millo transxénico (Pioneer) resistentes a determinados herbicidas e insectos: NK603xMON810, NK603, 59122x1507xNK603, 59122, 1507x59122, 1507xNK603 e 1507.

mesia

Charo Sánchez e Analía Moares amosan a localización exacta da parcela.

 

A publicidade desta información é a resposta a insistente demanda da sociedade civil, que facendo uso do dereito ao acceso á información, participación pública e de acceso á xustiza en materia de medioambiente (Ley 27/2006 do 18 de xuño), reclama coñecer tódala información relativa ao cultivo e comercialización de organismos xeneticamente modificados.

 

Este dereito foi ratificado polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas o 17 de febreiro de 2009, mais non foi até esta mesma semana cando o Ministerio de Medioambiente, Medio Rural e Mariño accedeu a transmitir esta información por primeira vez.

 

A parcela solicitada por Pioneer no concello de Mesía (na que polo de agora non podemos confirmar que haxa millo sementado, se ben puidemos comprobar que unha das súas partes está tratada con herbicida, o que pode indicar que será unha zona de próximo cultivo) atópase na parroquia de Cumbraos, lugar de Castiñeiras, datos catastrais: provincia: 15 (A Coruña), municipio: 48 (Mesía), polígono: 505, parcela 562.

 

A Plataforma Galega Antitransxénicos fará seguimento da evolución do posible cultivo de millo transxénico, facendo pública a información, entre outras canles, mediante a súa páxina web (www.galizasentransxenicos.org).

 

Asemade, realizaremos unha xornada informativa no concello de Mesía co obxecto de achegar á veciñanza os distintos argumentos e experiencias existentes en torno ás consecuencias do cultivo e consumo de organismos xeneticamente modificados.

 

A PGA valora coma un importantísimo logro do traballo coordinado entre os distintos ámbitos da sociedade civil, o feito de termos constancia por primeira vez na historia dos OXM (a tecnoloxía xenética iniciouse na década dos 80) da localización exacta dun cultivo experimental.

 

Novo debate no Parlamento galego

 

Segundo informou mediante comunicado de prensa o Bloque Nacionalista Galego, na tarde do pasado mércores día 5 a Comisión de Agricultura do Parlamento galego debateu unha proposición non de Lei do BNG que instaba á Xunta a “declarar a comunidade autónoma de Galiza como zona libre de cultivos transxénicos na produción de produtos tanto destinados tanto á alimentación humana como á animal”, co resultado da unión dos votos do Partido Socialista e Partido Popular para rexeitar esta iniciativa.

 

Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos amosamos a nosa decepción diante deste posicionamento, que contradí os compromisos asumidos por unanimidade no mesmo Parlamento o pasado 26 de novembro de 2008, e cuestionámonos a credibilidade e confianza nestes grupos parlamentares, habida conta do fluctuante da súa opinión.

 

Por outra banda, se ben valoramos positivamente a iniciativa proposta polo BNG, lamentamos que esta se tivera dado sen o coñecemento e apoio da sociedade civil, que fomos e somos o motor que está loitando neste país por defender o medioambiente, os dereitos da cidadanía en materia de OXM, a capacidade de elección do sector produtor e a soberanía alimentaria para Galiza.

 mesía

 Localización da parcela solicitada por Pionner para a sementeira de millo transxénico.