Co obxectivo de discutir varios aspectos do proxecto de novo regulamento relativo á produción ecolóxica e etiquetaxe de produtos ecolóxicos da Comisión Europea, a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo realizou, o 3 de decembro, unha audiencia pública baixo o título "O regulamento relativo á produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos". Alí estivo Elia Rodríguez Vázquez, labrega da Mariña que é vocal no Consello de Agricultura Ecolóxica de Galiza (Craega). Elia foi invitada pola agora eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra; quen, na súa responsabilidade como Coordinadora do GUE/NGL para a Comisión de Agricultura, apostou por ela como experta con máis de vinte anos de experiencia na produción ecolóxica de Galiza.
O Sindicato Labrego Galego inaugurou, o 26 de setembro, un seminario europeo no que se analizou, até o 29 de setembro, de que xeito se poden facer máis accesibles os alimentos que producen os labregos e labregas á cidadanía. Foi un evento no que participaron máis de medio cento de representantes de organizacións agrarias e de consumo de diversa procedencia como Austria, Alemaña, Holanda, Reino Unido, Francia, Noruega, Italia, Euskalherria ou Andalucía.