A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. Plan Forestal de Galicia: a Consellaría de Medio Rural comeza a casa polo tellado...

Plan Forestal de Galicia: a Consellaría de Medio Rural comeza a casa polo tellado...

20 de Decembro do 2017

Eucaliptos

O pasado luns, 18 de decembro, celebrouse unha nova xuntanza do Consello Forestal de Galicia na que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, presentaron a revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG). Mentres a nosa equipa técnica está a estudar o documento, dende o Sindicato Labrego Galego queremos valorar a propia presentación do mesmo que se fixo por parte da Consellaría de Medio Rural e que, a nunha primeira impresión, semella que a revisión do PFG non vai mudar nada a política forestal da nosa terra.

Para empezar, a Xunta está a construír un edificio comezando polo tellado, pois o normal é que antes dese plan forestal existise unha estratexia en base á cal redactalo, e só despois proceder a facer unha Lei de Montes. Así o fan os diversos organismos con competencias en materia forestal, dende o propio Ministerio de Agricultura, a outros máis globais que, aínda que non teñen potestade para lexislar, si deseñan estratexias e planifican, como a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) ou a Comisión Europea. Así, sen unha estratexia previa, semella que a única liña marcada en materia forestal pola Xunta é continuar a producir madeira para triturar.

Como exemplo do devandito, podemos sinalar que a exposición do e da responsábel de Medio Rural se baseou na superficie prevista para piñeiro e eucalipto, esta última en contra do criterio establecido polas directrices elaboradas polo sector. Nesa exposición, Couto e Vázquez asimilaron, moitas veces, a superficie dedicada a frondosas cos espazos protexidos ou de interese, sen facer fincapé en ningún momento na necesidade de recuperar a industria deste tipo de produción nin mencionar a importancia de establecer incentivos e beneficios para os propietarios e as propietarias deste tipo de masas.

Algo semellante ocorreu co pastoreo, englobando Medio Rural na súa exposición as superficies de pasto coa ocupada por monte raso ou de pouco arboredo, como zonas de espazos abertos; por contraposición ao monte arborado produtor de madeira, “porque ten que haber de todo”.

Todo isto contravindo totalmente as definicións dos aproveitamentos forestais na Lei 7/2012 de Montes de Galicia que deberían ser tidas en conta e desenvoltas nos plans forestais da Xunta.