A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. 22 de abril: Manifestación en Compostela en defensa do monte veciñal e un plan forestal para un medio rural vivo

22 de abril: Manifestación en Compostela en defensa do monte veciñal e un plan forestal para un medio rural vivo

10 de Abril do 2018

Mani 22 abril

O 22 de abril haberá unha manifestación en Compostela convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e apoiada, ademais de polo Sindicato Labrego Galego, por Fruga, CIG, Atrifoga, Asociación pola Defensa da Ría e Adega. O motivo da manifestación é a defensa do monte veciñal e en man común (MVMC) diante da revisión da lei que os regula e diante do novo plan forestal da Xunta. O lema da manifestación será “Pola defensa do MVMC, titularidade da veciñanza comuneira e por un Plan Forestal para un medio rural vivo”.

A manifestación do 22 de abril será a culminación dunha intensa campaña de asembleas que se estiveron a facer por toda Galiza dende marzo e que, esta mesma semana, pasará a un plano máis mediático a través de roldas de prensa en Ourense, Pontevedra, Lugo, Vigo e Compostela.

Afondando máis nos motivos destas mobilizacións, en primeiro lugar cómpre destacar a modificación da Lei de MVMC, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Esta permitirá á administración facer unha xestión cautelar do monte cando este se declare en estado de abandono ou no caso de que desapareza a comunidade veciñal titular do monte. Considerarase abandono se se dá algunha destas circunstancias:

  • Que o monte sufra deterioro ecolóxico ou degradación de terras.
  • Que non sexa explotado de acordo cos recursos ou que sufra explotación abusiva.
  • Que o grao de aproveitamento da extensión forestal non sexa o axeitado.
  • Que os aproveitamentos non se adecúen ao plan de ordenación.
  • Que non exista plan de ordenación ou este non sexa aprobado pola administración por considerar que non se axusta aos obxectivos da xestión.

Esta xestión poderá ser exercitada pola administración competente ou mediante a encomenda a entidades ou empresas de capital público. Tamén pode ser alugada, a través do Banco de Terras, por un período de ate 50 anos. Neste último caso, e aínda que se constitúa unha nova comunidade de montes ou xunta provisional, o reinicio da actividade non será posible ata o remate da cesión ou arrendamento.

Contra un Plan Forestal de Galicia que segue dando prioridade ao cultivo masivo de eucalipto

Por outra banda, trala presentación da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), vemos que o texto defendido pola Xunta segue a ter un marcado carácter produtivista de madeira de ciclo curto, incluíndo a posibilidade do aproveitamento de cultivos enerxéticos.
Este plan non asegura que se respecte unha superficie agraria útil dun terzo do territorio galego, que sería o idóneo para garantir a nosa soberanía alimentaria; nin fai fincapé na recuperación dos terreos forestados ilegalmente. Iso si, o PFG propón un aumento da superficie de eucalipto e non limita a plantación do nitens.
Respecto das frondosas autóctonas, o PFG enfócaas cara á conservación e non cara a un aproveitamento das mesmas, xunto coa recuperación do tecido industrial asociado.
Os aproveitamentos de pastos, apícolas ou de froitos están relegados a segundo plano e asociados á existencia de espazos abertos fronte á masa forestal, sen darlle unha importancia económica.
Finalmente, en materia de lumes forestais, non prevé unha revisión do servizo extinción de incendios nin hai unha aposta clara pola prevención.

Manifestación 22 abril