A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. A Plataforma en Defensa das UXFOR exponlle as súas demandas aos grupos parlamentarios

A Plataforma en Defensa das UXFOR exponlle as súas demandas aos grupos parlamentarios

12 de Novembro do 2009

UXFOR

Unha comisión de representación da Plataforma en defensa das UXFOR reuniuse onte, mércores 11 de novembro, con representantes dos tres Grupos parlamentarios de Galicia.

UXFOR-PARLAMENT

Nas xuntanzas transmitíronselle as demandas e inquedanzas da Plataforma e das comisións de propietarios e propietarias das UXFOR, consistentes en:

Continuidade do modelo de xestión conxunta dos montes. Xa que se considera que é a única forma viable de pór en valor as pequenas parcelas forestais espalladas por todo o país.

Estado da tramitación dos expedientes de creación das UXFOR e axilización dos trámites administrativos para a súa consecución.

Cumprimento dos compromisos adquiridos pola Administración coas comisións promotoras das UXFOR no tocante á execución de obra forestal e de acondicionamento do terreo, así como á elaboración dos documentos necesarios para a creación e funcionamento das UXFOR.

Neste senso obtivéronse respostas dispares que, en conxunto, pódense valorar positivamente, aínda que non albiscamos unha pronta solución do problema. Así, os Grupos parlamentarios do PSOE e BNG comprometéronse a propoñer iniciativas ó respecto, nas súas distintas formulas (Proposicións non de Lei, preguntas e interpelacións), tanto no Parlamento de Galicia como na Comisión de Agricultura do mesmo e antes do remate do ano.

Ante estas propostas barallouse a posibilidade de que representantes da Plataforma en defensa das UXFOR estean presentes nas sesións onde se plantexen estas iniciativas, co fin de coñecer de primeira man o parecer do Goberno.

Tamén, por parte do Bloque Nacionalista Galego, proporcionaron copia das distintas peticións que xa teñen presentado con respecto á situación do monte en xeral e das UXFOR en particular, no que vai de lexislatura.

No tocante ó Grupo parlamentario do PP, adquiriron o compromiso de transmitirlle ó Director Xeral de Montes as nosas demandas e de intentar axiliza-la xuntanza que temos solicitada co mesmo (dende fai mes e medio).

En canto ás UXFOR, manifestaron a súa concordancia coa necesidade de xestionar en conxunto as pequenas parcelas forestais en mans de propietarios e propietarias particulares e a valorización do monte, se ben advertíronnos de que xa no seu momento cuestionaron a Lei de Incendios e o Decreto que regula as UXFOR, por atopar eivas no seu articulado.

Os representantes do Partido Popular expuxeron asemade o transmitido polo goberno da Xunta ó respecto, e que consiste en que haberá que analiza-los puntos positivos das UXFOR e buscar unha figura para este tipo de xestión do monte, o cal, segundo nos indicaron, será un proceso longo.

Ante isto pedíuselle que se traballe sobre o xa existente, facendo as melloras que sexan necesarias, e reiterouse a importancia de darlle unha saída ás UXFOR que xa iniciaron o proceso de creación e de retoma-los traballos que quedaron paralizados dende a toma de posesión dos novos cargos da Consellería do Medio Rural.