A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. O aumento do apoio social na loita contra a pulguiña do carballo contrasta co silencio mantido pola Administración

O aumento do apoio social na loita contra a pulguiña do carballo contrasta co silencio mantido pola Administración

15 de Febreiro do 2010

carballo afectado pola pulguiña

No día de hoxe procedeuse a presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza (S. Caetano, Santiago de Compostela) tres novas adhesións sociais á Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo: os concellos de Barbadás, Cenlle e Castro Caldelas.

Coa inclusión de ditas entidades, casi unha vintena de organizacións explicitaron xa a súa vontade de unir esforzos coa Adminsitración para facer fronte á praga “Altica quercetorum” que vén causando importantes danos nas masas de carballo -especialmente nas zonas de Lugo e Ourense- e coa perspectiva de intensificar a loita contra tódalas pragas forestais xa presentes ou que poidan nun futuro atacar aos nosos montes.

 

As entidades asinantes desta Declaración esiximos que os tratamentos contra as pragas forestais estean enmarcados na súa totalidade na loita biolóxica dentro dun control integrado das pragas1.

 

No documento que rexistramos hoxe dando conta dos novos apoios, instamos á resposta das solicitudes de xuntanza demandadas no seu momento á Administración: solicitude de xuntanza co Director Xeral de Montes (12 de xaneiro), solicitude de xuntanza coa Directora Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais (14 de xaneiro), solicitude de xuntanza coa Delegada Territorial da Xunta de Galiza en Lugo (19 de xaneiro), solicitude de xuntanza co Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Ourense (21 de xaneiro)..

 

O obxectivo destes encontros é o de trasladar as inquedanzas e propostas recollidas no documento rexistrado o pasado 12 de xaneiro2 :

 

  • Revisión da presenza da praga da pulguiña do carballo no territorio galego, elaborando, de ser o caso, unha nova orde de declaración da praga na que se inclúan tódolos concellos afectados.

  • Que a Consellería do Medio Rural continúe a face-los traballos de prevención e loita contra a praga dentro do control integrado de pragas, utilizando métodos de loita biolóxica, evitando os tratamentos químicos e, en todo caso, descartando o uso de sustancias que foran excluídas do Anexo I da Directiva europea 91/414/CEE sobre sustancias activas de produtos fitosanitarios.

  • Realización de estudos de campo nas zonas afectadas, de cara á aplicación de métodos sustentables reais e eficaces no tempo.

  • Actualización periódica da información sobor das enfermidades e pragas forestais, facendo fincapé en que haberán de ser divulgadas dun xeito accesíbel para a cidadanía.

 

 

Asemade, cómpre que a Administración acepte o antes posíbel as nosas demandas de reunión posto que é fundamental para tódolas entidades asinantes da Declaración coñecer as estratexias previstas pola Consellaría do Medio Rural para a loita contra as pragas forestais.

 


 

______________________________

 

1. Manexo de pragas no contexto do medio no que se está a actuar e en coherencia coa dinámica de poboación das mesmas. Utilización de tódalas técnicas e métodos apropiados, dende a elección de especie e localización das prantacións e a silvicultura aplicada, pasando por manter a poboación de insectos por baixo dos umbrais onde supoñan un dano importante, aplicando loita biolóxica e só en último caso a utilización de praguicidas convencionais.

 

2. [12 de Xaneiro do 2010]. Rexistro da Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=31&i=438

 

 

*Ficheiro para descarregar: listaxe de entidades asinantes.

Ficheiro adxunto