A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. Valoración da incidencia en Ourense da praga da pulguiña do carballo

Valoración da incidencia en Ourense da praga da pulguiña do carballo

26 de Febreiro do 2010

xefatura territorial ourense

Na mañá de hoxe representantes das organizacións asinantes da Declaración e Solicitudes da Pulguiña do Carballo reuníronse con representantes da xefatura territorial da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Ourense.

Logo de expoñer a situación existente en Ourense, na que se atopan masas de carballo “en mosaico” canda cultivos e outras especies arbóreas, os representantes da xefatura territorial alegaron a imposibilidade de levar adiante tratamentos masivos.

Manifestando a súa preocupación pola praga, coincidiron coas organizacións asinantes en que esta está aumentando, avanzando cara novas localizacións, o que certifica que os métodos empregados non son os axeitados.

Neste senso, a Administración recoñeceu estar indo “un paso por detrás da praga”, xa que polo de agora a súa actuación máis concreta no control da mesma consistíu na ampliación da listaxe de concellos declarados realizada no 2008 mediante a inclusión dos afectados no 2009 (San Cibrao das Viñas, Celanova, Ourense, Cartelle, Taboadela, A Bola, Allariz e Ramirás). Segundo afirmaron, até que a praga é visíbel, é dicir, até que os carballos estean afectados, non se pode detectar onde se atopa.

En canto ao emprego de loita biolóxica para facer fronte á praga, nomeadamente mediante a utilización do fungo Beauveria bassiana, malia a que dende a Adminstración recoñeceuse que é este o método de loita “máis interesante”, argumentaron que arestora a investigación neste eido non está suficientemente avanzada, e que a súa efectividade dependería das condicións climatolóxicas, posto que para o seu éxito precisa dunha situación metereolóxica de humidade e calor.

Neste senso, as voceiras das organizacións asinantes da Declaración instaron á Administración a abrir novas liñas de investigación neste sentido, posto que a investigación no tocante á efectividade do fungo Beauveria bassiana fica parada por falla de financiamento.

O obxectivo especificado por parte da xefatura territorial é manter a pulguiña nun estado de “presencia” que non chegue a desembocar nunha praga, e mesmo avogaron por “convivir” con ela .

Se ben as organizacións asinantes son as primeiras en reivindicar o emprego de métodos non agresivos, apostando pola loita biolóxica, valoramos que non se pode confiar na convivencia, xa que esta actitude non aporta garantía ningunha en canto ao o mantemento dun ben do patrimonio galego como son as masas de frondosas autóctonas.

A loita contra esta praga é fundamental non só para o mantemento de actividade económica derivada do aproveitamento de leñas ou do valor paisaxístico, se cadra os aspectos produtivos máis públicos e coñecidos, senón que estamos perante dun potente ataque contra a nosa biodiversidade, que mina mesmo un futuro aproveitamento vinculado á madeira nobre de calidade, liña da que adoecemos na Galiza, onde continuamente importamos madeira de calidade ou transformada.

A praga da pulguiña constitúe unha ameaza tamén para outras especies arbóreas frondosas, máis cómpre salientar que implica asemade un grave risco para outros sectores produtivos de grande presencia na provincia de Ourense, como é o caso do viñedo de calidade (denominacións de orixe).

Concluímos polo tanto a consciencia da problemática por parte da xefatura territorial de Ourense, mais tamén a inexistencia dun protocolo que se adiante aos propios efectos da praga.

Unha actuación significativa na loita contra a pulguiña, segundo indicaron, haberá de ser incentivada dende a Dirección Xeral de Montes, dirixida por Tomás Fernández-Couto Juanas, co cal as organizacións asinantes da Declaración rexistraron unha solicitude de xuntanza xa o pasado 12 de xaneiro, e que confiamos sexa atendida o antes posíbel.

 

 260210

 José antonio do Olmo (concello de Barbadás), Amancio Antonio Cid (concello de Toén), Patricia González (Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia), Xosé Ramón Goyanes (técnico do servizo de montes), Manuel Souto (xefe de Servizo Agrario), Ricardo Vecilla (Xefe Territorial da delegación da CMR en Ourense), Antonio Gómez (xefe do Servizo de Montes) , Diego Sánchez (Frouma) e Charo Sánchez Parga (SLG).