A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. Constátase o aumento de concellos afectados pola praga da pulguiña ao tempo que a DX de Montes segue sen se decantar pola loita biolóxica

Constátase o aumento de concellos afectados pola praga da pulguiña ao tempo que a DX de Montes segue sen se decantar pola loita biolóxica

8 de Abril do 2010

altica quercetorum

Na mañá de hoxe Charo Sánchez Parga -Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes do SLG-, Xosé Alfredo Pereira Martínez – Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común-, Patricia González Pereiró -Xerente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galiza- e Diego Sánchez Agra -técnico forestal da Asociación Frouma- mantiveron unha xuntanza co Subdirector Xeral de Recursos Forestais, José Luís Chan Rodríguez, a fin de coñecer o posicionamento da Administración galega ao respeito da praga da pulguiña do carballo.

Segundo trasladou Chan Rodríguez, a Dirección Xeral de Montes está a rematar a elaboración dunha nova orde de declaración con ampliación de zonas afectadas, nomeadamente a inclusión de 8 concellos en Ourense (San Cibrao da Viñas, Celanova, Ourense, Cartelle, Taboadela, A Bola, Allariz e Amoeiro) e 4 en Lugo (Sabiñao, Ribas de Sil, Quiroga e Chantada), corroborando a alerta de aumento da praga realizada polas organizacións asinantes da Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo.

 

Porén, sostivo que a loita contra a praga seguirá a facerse con produtos químicos aplicados mediante fumigación con canóns -sistema criticado polas organizacións asinantes da Declaración-, se ben alomenos, ao fío do reivindicado, mudarán as épocas de aplicación, facendo un primeiro tratamento cando os insectos emerxen da época invernal, antes da posta de ovos e, de ser necesario, un segundo tratamento contra as larvas e primeiros adultos do verán, sobre os meses de xullo e agosto.

 

Asemade confirmou o compromiso de establecer dende a DX de Montes un protocolo mediante o que se promoverá a difusión, para o coñecemento da veciñanza, das datas e lugares de aplicación dos tratamentos, empregando medios accesíbeis e próximos á cidadanía dende as entidades locais.

 

Eludindo abordar dun xeito definitivo e ecolóxico o control desta praga, Chan Rodríguez afirmou que dende a DX de Montes seguirase a empregar para as fumigacións a sustancia activa flufenosurón excluída do Anexo I da Directiva Europea sobre Sustancias Activas de Fitosanitarios -baixo moratoria até o 2011-, sen prantexar ningunha alternativa a este produto logo desta data.

 

Ao mesmo tempo, cuestionou a conveniencia de seguir avanzando na loita biolóxica mediante a aplicación do fungo Beauveria bassiana, alegando que este está xa presente en certa medida nos ecosistemas afectados pola praga. Neste senso, logo da nosa reiterada solicitude, abriu a posibilidade de actuar no vindeiro outono xunto coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro en determinadas parcelas de carballos, malia que finalmente evitou comprometerse definitivamente neste aspecto.

 

As entidades asinantes da Declaración e Solicitudes sobre a Praga da Pulguiña do Carballo, valoramos positivamente o achegamento a algunhas das nosas reivindicacións, se ben continuaremos facendo fincapé nas nosas demandas posto que até arestora non se están a cumprir as expectativas no tocante á substitución de produtos químicos en favor dun control integrado da praga.