A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. Irregularidades na limpeza das liñas de electricidade en Muxía

Irregularidades na limpeza das liñas de electricidade en Muxía

20 de Agosto do 2010

localización Muxía

Afectados e afectadas pola xestión das liñas de media tensión nas parroquias de Coucieiro, Leis de Nemancos, Moraime, A Ó, Ozón e Vilastose, pertencentes ao concello de Muxía, veñen de rexistrar un escrito colectivo dirixido á Consellería do Medio Rural e á Dirección Xeral de Montes co obxectivo de transmitirlle unha serie de problemáticas e demandas en relación ás liñas de media tensión que atravesan as súas leiras.

Asemade, realizaranse tamén denuncias a título individual diante de Medio Rural e Industria.

 

Como vimos de sinalar, polas parroquias nomeadas atravesan liñas de transporte de electricidade de media tensión nas que tradicionalmente as empresas eléctricas xestionaron a biomasa existente nunha franxa lateral de seguridade de 6 metros de ancho, contados dende o centro do poste.

 

Mais nos meses de xuño e xullo deste ano, sen previo aviso, diversos operarios procederon á tala de árbores nunha franxa moito maior do habitual.

Fenosa-Muxia

Requiridos polos/as propietarios e propietarias ao atopalos en terreos da súa propiedade, os operarios negáronse a identificarse e eludiron proporcionar o nome da empresa para a que traballaban, alegando que se debían dirixir a Fenosa se querían pedir explicacións. O único dato que aportaron foi que se trataba dunha limpeza para prevención de incendios.

 

Nembergantes, en ningún momento a empresa titular da liña eléctrica lles comunicou ós propietarios e propietarias os traballos que se ían levar a cabo nas súas parcelas, e moito menos o motivo de tales actuacións.

 Fenosa-Muxía2

Ademais, nas labouras de limpeza da zona cortáronse árbores madeirables de considerables dimensións, ao tempo que nas labores de apeo, a dirección de caída escollida -na maioría dos casos- foi cara o interior das fincas, cos consecuentes danos causados ás restantes árbores, valados e outros bens.

 

Fica patente que en moitas zonas non se seguiu un criterio selectivo á hora de cortar, realizando cortas a matarrasa e resultando afectadas especies de frondosas autóctonas.

 

Por outra banda, a amplitude das franxas laterais non é igual en todo o percorrido da liña, existindo zonas cun ancho de intervención significativamente maior.

 

Así mesmo, ata o de agora, os operarios da empresa non retiraron os restos de poda e de corta, de maneira que quedaron como elementos combustibles debaixo da liña eléctrica, incrementando considerablemente o perigo de incendio na época do ano na que nos atopamos, xa que estes restos fican nas parcelas sen triturar nin retirar

 Fenosa-Muxía3

 

Diante desta situación, as persoas afectadas enviaron escritos a GAS NATURAL FENOSA e a ELECTRA DEL JALLAS, S.A., con data de 30-06-10 e 01-07-10 respectivamente, solicitando información ó respecto das actuacións descritas, sen que a día de hoxe se obtivese resposta algunha por parte das empresas.

 

Polo tanto, solicítase á Consellaría do Medio Rural información ao respecto do cumprimento da Lei de Prevención de Incendios Forestais, no que a liñas eléctricas se refire, a fin de concretar as obrigas e dereitos de propietarios/as dos terreos e de titulares das liñas.

 

Deséxase tamén coñecer se houbo un requirimento por parte da Consellería de Medio Rural para que se levasen a cabo estas actuacións, e que se proporcione a identificación da empresa titular da liña, así como da empresa encargada da realización dos traballos.

 Fenosa-Muxía4

Cómpre, xa que logo, examinar as actuacións e procedementos acaecidos e tomar as medidas oportunas ó respecto, toda vez que se levaron adiante actuacións supostamente en cumprimento da lexislación de prevención de incendios forestais.

 

Finalmente, e xa de cara a vindeiras campañas de prevención de incendios, as persoas afectadas solicitan que se esixa que as empresas titulares das liñas eléctricas comuniquen ós/ás propietarios/as dos terreos os traballos que se realizarán nas súas parcelas, detallando persoa de contacto, empresa encargada da realización dos traballos e data de execución dos mesmos, co fin de que ámbalas dúas partes poidan estar presentes e constatar que se actúa respectando as prescricións legais establecidas.

 Fenosa-Muxía5