A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Montes>
  5. O SLG alerta sobre a toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta contra o goníptero do eucalipto

O SLG alerta sobre a toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta contra o goníptero do eucalipto

4 de Abril do 2012

Helicóptero fumigando

O Sindicato Labrego Galego quere amosar o seu firme rexeitamento á intención de fumigar insecticidas químicos (Flufenoxuron) con medios aéreos para combater a praga doGonipterus Scutellatus do eucalipto, polo forte impacto na saúde das persoas, na fauna e no medio ambiente que vai ter esta medida. A oposición do SLG a esta medida prodúcese despois de que se fixese pública, o 3 de abril, na Mesa da Madeira celebrada en Compostela e convocada pola Consellaría de Medio Rural; e diante do feito de que concellos como o de Melide publicaron bandos informativos instando aos propietarios e propietarias de fincas a apuntar as súas parcelas para ser fumigadas.

As fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións. Estudios como “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana”, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del1.

Unha das especies animais máis afectadas por este envelenamento serán as abellas que, como xa teñen demostrado varios estudios científicos, están a morrer e desaparecer por millóns en todo o mundo debido ao uso de pesticidas en agricultura. Máis alá do seu papel como produtoras de mel e outros derivados da colmea, as abellas xogan un papel fundamental na polinización das plantas con flores, entre as que se inclúen moitos dos principais cultivos de froitas e hortalizas. Por iso, a súa intoxicación por pesticidas e posterior morte está a ter consecuencias moi negativas tamén na economía agraria2.

Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos -sabéndose os nefastos efectos secundarios que traen canda si-, estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, do medio ambiente e da fauna, máxime cando o produto químico empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Este feito fainos sospeitar que hai industrias moi interesadas en vender os seus stocks de pesticidas antes de que sexan prohibidos. Resulta lamentable que a administración pública e, en concreto, a Consellaría de Medio Rural, se pregue a intereses empresariais aínda que sexa a costa de contaminar de xeito indiscriminado, matar colonias enteiras de abellas e poñer en perigo a saúde pública.

1La deriva de aplicaciones aéreas rutinariamente es constatada a cientos de metros del sitio de aplicación, y puede llegar a varios kilómetros. (...) La magnitud de deriva puede variar entre un 5 y un 60 % aunque se estima que alrededor de un 40% de una aplicación aérea de pesticidas abandona el “área blanco”. (...) El movimiento de cualquier pesticida (insecticidas, herbicidas, fungicidas, etc.) por el aire lejos de su sitio de aplicación, se considera dispersión e incluye rocío, polvos, pesticidas volatilizados o en estado de vapor, y partículas del suelo contaminadas (...) puede persistir durante días, semanas o hasta meses después de la aplicación debido a que las sustancias químicas volátiles se evaporan y contaminan el aire”. http://www.grr.org.ar/trabajos/agrotoxicos%20y%20salu.htm