A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG irá aos tribunais se Cabana porfía en clasificar os terreos da mina de Corcoesto para usos xerais no PXOM

O SLG irá aos tribunais se Cabana porfía en clasificar os terreos da mina de Corcoesto para usos xerais no PXOM

24 de Febreiro do 2014

Corcoesto

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar unha serie de alegacións á avaliación ambiental estratéxica do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños, dentro do prazo aberto pola Consellaría de Medio Ambiente, e xunto con outras asociacións e organizacións sociais.

No documento rexistrado, o SLG denuncia que os terreos que abrangue o proxecto mineiro de Corcoesto teñen a cualificación de xeral, unha categoría reservada para terreos de titularidade municipal ou autonómica destinados a satisfacer necesidades colectivas e a implantar usos ou servizos públicos como infraestruturas básicas. Para o SLG, isto é “unha vía encuberta para impoñer a mina de Corcoesto, no senso de retomar un proxecto irracional pero, sobre todo, cancelado, non autorizado nin autorizable”.

Tirando a súa argumentación de numerosos textos legais como a Lei de Montes de Galicia, a de Patrimonio Natural e Biodiversidade, a de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural ou a de Ordenación do Territorio, o Sindicato Labrego Galego demostra de que os terreos onde se pretende realizar a explotación mineira son, e así deben figurar no PXOM de Cabana, solo rústico de especial protección forestal.

Para o SLG “a prevalencia dos usos forestais actuais é indiscutible. Non se xustifica que o terreo poida ser para dotacións públicas ou de interese social, nin está previsto que estas terras acollan infraestruturas básicas. O interese particular dunha empresa non pode prevalecer xuridicamente sobre o interese xeral”. Respecto ao uso forestal que, actualmente, teñen as 400 hectáreas de terras afectadas polo proxecto mineiro, o Sindicato Labrego lembra que a actividade forestal está entre as tres primeiras actividades económicas da comarca de Bergantiños. De seguir para adiante o texto do PXOM redactado polo Concello de Bergantiños, “producirase o desmantelamento do sector forestal na zona e a destrución masiva de empregos nun sector consolidado e que sobrevive a pesares da crise”. Nin sequera a tan cacarexada restauración posterior dos terreos, trala extracción do ouro, sería factible, xa que “a rehabilitación posterior nunca vai recuperar a idoneidade actual e potencial produtivo destes montes (...) os terreos afectados nunca recuperarán o valor forestal actual, nin van mellorar as condicións iniciais de uso deste terreos, causando un dano irreversible, tal e como acreditan diversos informes técnicos”.

O SLG tamén incidiu no impacto que tería a mina nas actividades agrogandeiras, xa que o monte afectado “forma parte da superficie territorial das explotacións gandeiras da zona, contribuíndo á súa viabilidade económica. O proxecto mineiro pode supor o peche das mesmas e destrución de empregos no sector”.

Por todo o devandito, nas alegacións o SLG solicitou a preservación da categoría de solo rústico de especial protección forestal dos montes de Corcoesto e os solos delimitados para o proxecto mineiro en consonancia coa realidade forestal da parroquia e a alta capacidade produtiva actual e potencial dos mesmos”. Tamén pide o rexeitamento contundente “de incluír o terreos afectados polo proxecto mineiro non autorizado nin autorizable, como solo de sistema xeral por ser esta unha cualificación manifestamente ilegal e constituír unha desviación de poder, xa que no presente caso non se trata de satisfacer necesidades colectivas ou implantar usos ou servizos públicos, nin se trata de terreos deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio, nin responden á implantación de infraestruturas básicas do modelo de cidade”. Ademais, a avaliación ambiental estratéxica “debería reflectir todos os impactos, tanto directos como indirectos, que ten a actividade mineira proxectada, e os impactos que a cualificación dos terreos como sistemas xerais van ter na economía da parroquia afectada, nas parroquias veciñas e na comarca de Bergantiños. Non pode haber actividade mineira con núcleos de poboación a 10, 50 e 70 metros lineais de distancia”.

Para o SLG deberá prevalecer a función económica, social e ambiental do monte sobre a actividade extractiva; do mesmo xeito que deben prevalecer as actividades forestal, agrícola, apícola e gandeira”.

Finalmente, o SLG advirte á Xunta “que acudirá aos tribunais na defensa da legalidade e dos seus intereses propios e veciñais de ser o caso, coa fin de frear o despropósito que se pretende neste documento de inicio da avaliación ambiental estratéxica do futuro PXOM do Concello de Cabana de Bergantiños”.