A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O Sindicato Labrego Galego leva á fiscalía a posible prospección ilegal da mineira Erimsa en Oroso

O Sindicato Labrego Galego leva á fiscalía a posible prospección ilegal da mineira Erimsa en Oroso

4 de Xullo do 2014

Margarida Prieto

O Sindicato Labrego Galego vén de denunciar, o 3 de xullo, á empresa mineira Erimsa diante da Fiscalía de Medio Ambiente. Ademais, a coordinadora da loita contra a minaría salvaxe no SLG, Margarida Prieto Ledo, mantivo unha xuntanza co fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, para falar dos feitos denunciados. Estes remóntanse ao pasado 15 de maio de 2013, cando Sindicato Labrego Galego interpuxo ante o Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria, senllas denuncias por unha posible prospección ilegal de terras da que se fixo publicamente responsable a empresa mineira Erimsa en varios medios de comunicación.

Tras un ano de inoperancia das entidades devanditas ante as que se denunciaron as prospeccións, o Sindicato Labrego Galego vén de dar o paso de denunciar os feitos diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en Compostela, tal e como xa adiantamos. No escrito presentado, pedíuselle ao ministerio fiscal que lle requira á Consellaría de Medio Ambiente, á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e ao Concello de Oroso toda a documentación que teñan en relación a este caso. Ademais, tamén se lle pediu que inste á empresa Erimsa a demostrar “que as obras extractivas realizadas se fixeron baixo o oportuno amparo de licencia, urbanística e sectorial mineira” e abra o correspondente expediente de investigación.

Antecedentes

No mes de maio de 2013, varios xornais publicaban unha información que revelaba que Erimsa estaba a tomar mostras de cuarzo nas proximidades de Porto Avieira (Oroso) para ver se lle interesaba facer unha explotación industrial do mesmo. Sen embargo, a pesares de que a solicitude de permiso para investigación estivo en exposición pública en febreiro e marzo dese ano, daquela non houbera aínda resolución administrativa; tamén o alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, negou publicamente que se lle concedese ningunha licencia a esta empresa para tal fin, xa que a única licenza expedida polo consistorio foi para realizar un movemento de terras á dona da finca, como despois se soubo, pero non a unha empresa mineira para facer prospeccións. Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que Erimsa carecía de permisos legais para facer estes estudios e extraccións hai un ano, polo que podería ter incorrido nunha actividade ilegal ao tomar mostras minerais, presunto delito que aínda non prescribiu.

Case 1.000 hectáreas afectadas en Oroso, O Pino e Compostela

As extraccións feitas en Oroso están dentro do permiso de investigación Calvente, que afecta a case 1.000 hectáreas, boa parte delas catalogadas como solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, onde non é posible a actividade mineira sen autorización previa. Ademais da concesión Calvente, Erimsa solicitou outros catro permisos de investigación noutras catro concesións mineiras nas comarcas de Compostela e Ordes: Andrea 7.137, Lamoso 7.135, Xanceda 76.138 e Marís, que sumadas a Calvente, abranguen unhas 8.000 hectáreas. En concreto, a concesión Calvente ten 32 cuadrículas nos concellos de Oroso, O Pino e Santiago; Andrea ten 87 nos termos municipais de Oroso, Ordes, Frades e Mesía; Lamoso, 9 en Ordes e Oroso; e Marís, 102 en Mesía e Frades do mesmo xeito que Xanceda, que ten 28 nestes dous últimos concellos. Tódolos permisos son para investigar a presenza de cuarzo e minerais afíns para a industria da cerámica e do vidro.

Unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira.

Margarida Prieto