A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O Sindicato Labrego Galego denuncia novos ataques de lobos sobre explotacións gandeiras en Maceda

O Sindicato Labrego Galego denuncia novos ataques de lobos sobre explotacións gandeiras en Maceda

8 de Abril do 2015

Becerro morto

A semana pasada, o lobo volveu facerlle unha nova desfeita a Ángel Rivas na súa cabana gandeira de vacas de raza Vienesa en Escuadro (Maceda). Desta vez, a vítima foi un becerro de 30 quilos acabado de nacer. Este é o segundo ataque que sofre no que vai de ano; se mira para máis atrás, Ángel perde a conta das reses que ten perdido por causa dos lobos.

Deste último ataque, a Ángel preocúpalle máis a situación da nai que o becerro perdido, pois a vaca quedou coas ubres cheas para aleitar, o que pode derivar en enfermidade. Por esa razón, a maiores das perdas ocasionadas polo lobo, agora haberá que custear servizos veterinarios para solucionar este problema. Esta é unha das posibles secuelas indirectas que teñen os ataques dos lobos que, ademais, poden provocar cadros de estrés no resto dos animais da facenda que, decotío, rematan en abortos das vacas afectadas, mamites e outras doenzas relacionadas directamente co medo aos depredadores e coa perda da cría.
Ángel comeza a estar farto. Sabe que as indemnizacións nunca cobren os danos que che causan os ataques e, ademais, traen canda si unha grande cantidade de papelame, trámites e molestias que tamén custan tempo e cartos. E iso se tes a sorte de que apareza o cadáver do animal atacado pois, en caso contrario, non hai indemnización. Así lle pasou a comezos de ano, cando lle desapareceu o becerro dunha vaca que acababa de parir. Para este gandeiro de Escuadro, non hai dúbida de que foi devorado tamén polos lobos; mais, sen becerro morto, non puido dar parte do ataque. Este episodio viviuno Ángel varias veces, polo que moitos dos ataques que padeceu a súa cabana gandeira non puideron solicitar nin recibir indemnización ningunha. En 2013, por exemplo, deu parte de dous ataques, a pesares de ter sufrido máis. Por se non abondase, dende o Sindicato Labrego Galego temos denunciado a demora inxustificada no abono deste tipo de indemnizacións por parte da Consellaría de Medio Ambiente, constatando cobros que se fan efectivos dous anos despois do ataque.

A constantes visitas dos lobos á súa explotación fixo que Ángel investise en medidas para tentar evitar os ataques pero, até o de agora, non resultaron suficientes. Por exemplo, ten valada toda a finca na ten as cortes e lle pacen as reses, pero “xa non é a primeira vez que os lobos saltan o valo para matar e devorar becerros dentro do recinto”. Ángel quéixase de que nin a Consellaría de Medio Rural nin a de Medio Ambiente fan nada para tentar solucionar ou paliar este problema. “Hai medidas que poderían axudar como, por exemplo, que nos autorizasen a deixar no monte os corpos das reses que morren na explotación, como sempre se fixo, para que se alimenten delas os lobos e outros animais salvaxes. Sen embargo, estamos obrigados a subscribir un seguro de retirada de cadáveres, e unha empresa encárgase de levar os animais mortos. Tal como están as cousas hoxe, pódese dicir que a Xunta nos quita as reses mortas na explotación para que os lobos se alimenten das vivas”.