A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG contra as minas na Costa da Morte que ameazan 100 km² de terras nunha zona con máis de 2.000 granxas

O SLG contra as minas na Costa da Morte que ameazan 100 km² de terras nunha zona con máis de 2.000 granxas

19 de Febreiro do 2016

Alegacións do SLG contra Isabela II

A coordinadora da loita contra a minaría salvaxe no Sindicato Labrego Galego, Margarida Prieto Ledo, rexistrou, o 18 de febreiro, un documento de alegacións contra o proxecto de investigación mineira Isabela II, promovido polo Grupo M-FM 2001 SL e que afecta 156 cuadrículas mineiras (46'80 km²) nos municipios de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco1. O escrito ía asinado pola secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane e dirixido á Consellaría de Economía, Emprego e Industria. 

No documento, o SLG destaca a riqueza agrícola, forestal, silvícola, gandeira, turística e paisaxística dos concellos afectados, e recorda que a lei dá protección especial a este tipo de usos e prohibe calquera actuación que sexa incompatible cos “valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada”. E, para o SLG, a actividade mineira de investigación do proxecto Isabela II é incompatible cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas, que destacan pola súa idoneidade para a agricultura, gandería, apicultura, pesca, caza e explotacións forestais, etc.

O permiso de investigación mineira solicitado afecta unha zona onde o peso agrogandeiro e forestal é moi importante. De feito, e segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao número de unidades agrarias de transformación (UTAs) nas explotacións gandeiras dos concellos afectados, estes sectores mailo forestal dan traballo a máis de 28.000 persoas. Só nos catro concellos onde se pretenden levar a cabo as prospeccións, o IGE cifraba, con datos de 2014, en 1.416 as explotacións de vacún, que se elevarían a 2.138 se engadimos outros concellos da zona afectados por proxectos mineiros semellantes, como A Baña ou Mazaricos. Ademais, Coristanco está incluído na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia pola idoneidade dos seus solos para este cultivo.

Ademais de Isabela II, Livia 7092, Grixoa e Vilar

Para o Sindicato Labrego Galego, resulta intolerable que dende a Xunta de Galicia se lles estea a dar prioridade a multitude de proxectos mineiros que atentan directamente contra actividades económicas ancestrais como a silvicultura, a gandería ou a agricultura, ao provocar danos irreversibles nos solos dos que dependen as profesións vinculadas a eles. Ao SLG preocúpalle especialmente que as actividades mineiras entren en colisión con comarcas enteiras que teñen a súa principal fonte de riqueza nos traballos agrarios e gandeiros.

Por centrarnos só na Costa da Morte, onde se pretenden levar a cabo as prospeccións do Isabela II, está afectado boa parte do territorio de comarcas como Xallas, Terra de Soneira ou Bergantiños. A mesma empresa Grupo M-FM 2001 SL xa ten concedido un permiso de investigación co proxecto Livia 7092 que afecta 162 cuadrículas mineiras ou, o que é o mesmo, 48,60 km² n'A Baña, Mazaricos, Santa Comba, Vimianzo e Zas. Ademais, outras empresas estás a piques de obter idénticos permisos de investigación (proxectos Grixoa e Vilar) para 24 cuadrículas en Santa Comba e Zas (7,20 km²). Só cos proxectos mencionados até agora, estarían en perigo máis de 100 km² de terras dunha das comarcas con maior riqueza agrogandeira e forestal da Galiza, polo que todos estes proxectos van ter a frontal oposición do Sindicato Labrego Galego, e a veciñanza que se opoña a eles o total apoio desta organización agraria.

Margarida Prieto no rexistroMargarida Prieto entregando as alegacións no rexistro

 

Ademais, Margarida Prieto tamén estivo, o 19 de febreiro, en representación do SLG para apoiar o acto de entrega de alegacións contra este proxecto mineiro que levou a cabo a Federación de Asociacións Veciñais de Zas “Pico de Meda”2 no concello ás 13:00 horas. Alí, a Federación Veciñal entregou 307 alegacións e 1.187 sinaturas contra os proxectos mineiros que ameazan esta bisbarra da Costa da Morte.

Veciñanza de Zas alegando contra as minasConcentración de veciños e veciñas de Zas convocada pola Asociación Pico da Meda trala entrega de alegacións no concello

 

1 A cuadrícula é unha unidade empregada en minería que, sendo variable, anda ao redor das 30 hectáreas de superficie a efectos fiscais. Legalmente, cuadrícula mineira é o “volume de profundidade indefinida cuxa base superficial fique comprendida entre dous paralelos e dous meridianos, cuxa separación sexa de vinte segundos sexaxesimais”
2 A Federación “Pico de Meda” engloba as seguintes asociacións veciñais: Pedra do Congro (Vilar), Tras das Sebes (San Cremenzo de Pazos), As Torres (O Allo), A Rucheira (Lamas), Tabeirón (Baio), San Isidro (Gándara), Torres de Romelle (Santo Adrián de Castro) e Santiaguiño de Carreira (Carreira).