A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG pídelle á Xunta unha alianza coas comunidades da Cornixa Cantábrica para derrogar o decreto de xurros

O SLG pídelle á Xunta unha alianza coas comunidades da Cornixa Cantábrica para derrogar o decreto de xurros

21 de Febreiro do 2018

Inxector de xurro

O decreto que prohibirá dentro dun ano o esparexemento de xurros para abonar prados é unha obriga inxusta e arbitraria que lle pasará unha factura millonaria ao sector lácteo e que, polo tanto, terá un fortísimo impacto económico na Galiza, onde temos a metade das granxas leiteiras do Estado e o 38% da produción. Quen non o cumpra, terá penalizacións nas axudas da Política Agraria Común (PAC), indispensables para a economía de miles de familias labregas.

O decreto de xurros pretende reducir, entre outras, a contaminación por amoníaco. Mentres que o sector de vacún de leite é responsable do 4'4% destas emisións, o porcino causa o 17'5% e os fertilizantes artificiais (nitratos de síntese) case o 20%. Dá a casualidade de que Fertiberia, a industria agroquímica da que a ministra de Agricultura foi directiva é, segundo reza a súa web, “un dos principais operadores mundiais no mercado do amoníaco”.

Intereses da ministra de Agricultura na industria dos fertilizantes que máis contaminan

Aínda que as granxas de vacún que alimentan o gando en base a pasteiros son responsables só dunha mínima parte das emisións contaminantes que se pretenden combater, a ministra de Agricultura non está a facer nada para evitar as emisións da cría industrial de porcino e o uso de fertilizantes químicos. Porén, máis que poñerlles couto a estes, parece que a ex-directiva de Fertiberia que dirixe actualmente o Ministerio de Agricultura defende que se siga contaminando con fertilizantes químicos, como así o demostra a defensa que está a facer España na Unión Europea para seguir permitindo o cadmio, un metal pesado tóxico e canceríxeno presente nos abonos de fosfato; en troques de defender o abonado con fertilizantes naturais.

En canto ao sector porcino, en Aragón -a comunidade máis contaminante xunto con Cataluña- pasaron de 2 millóns de cabezas en 1999 a 8 millóns en 2015; no mesmo período, Cataluña duplicou a súa produción porcina.

O decreto culpabiliza e castiga tamén as granxas máis sostibles

En definitiva, o decreto que obriga a enterrar os xurros en troques de esparexelos afectará a quen menos contamina, e deixará seguir contaminando aos principais responsábeis desa contaminación. De levarse adiante, só será beneficioso para industrias como a de maquinaria agrícola, a de fertilizantes químicos ou para a gandería intensiva e industrial sen base territorial. Pola contra, sairán prexudicadas granxas de leite que alimentan o gando en base a pasteiros, cunha baixa carga gandeira e mesmo con producións ecolóxicas.

Obriga de mercar unha maquinaria innecesaria

Ademais de non atallar o problema das emisións contaminantes, o decreto obrigará a realizar un gasto enorme a unhas granxas asediadas polos baixos prezos do leite. Cómpre ter en conta que os apeiros mecánicos para enterrar os xurros poden superar os 10.000 euros e precisan dun tractor duns 100 CV, polo que moitas granxas poderían verse na tesitura de ter que cambiar incluso de tractor para poder adaptarse a unha norma absurda. Neste senso, cómpre coñecer os datos achegados por científicos como Juan Castro Ínsua, do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM), que mantén que as máquinas para enterrar os xurros non serven en terreos inclinados ou con pedras, como os que predominan na Galiza; e que ese enterramento se pode facer de igual maneira e cos mesmos resultados á hora de reducir a contaminación sen investir en custosas maquinarias: só hai que pasar a grade de discos despois de esparexer o xurro.

Necesidade dunha fronte común para deter este disparate

Por iso, dende o SLG volvemos insistir na necesidade de que a Xunta faga fronte común coas outras comunidades da Cornixa Cantábrica para forzar a derrogación dunha norma que culpabiliza e castiga ás granxas que menos culpa teñen da contaminación da que se lles acusa, e que vai ser especialmente lesivo con Galiza polo grande peso socioeconómico que ten o sector lácteo no noso rural. Tamén pedimos que, en caso de querer combater a contaminación, se regulen este tipo de emisións especificamente por lei e as normas obriguen a todos por igual. É absurdo que, para tentar reducir a contaminación, se impoñan obrigas como condición para cobrar unhas axudas da PAC ás que non concorren as principais industrias contaminantes.