A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG alega contra o parque eólico de Ordes por usurpar máis de 6.000 hectáreas ás granxas da bisbarra

O SLG alega contra o parque eólico de Ordes por usurpar máis de 6.000 hectáreas ás granxas da bisbarra

28 de Maio do 2018

Vacas en parque eólico

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar, diante do Ministerio de Agricultura, un extenso documento de alegacións contra o parque eólico de Pobra, que afecta 6.670 hectáreas dos termos municipais de Mesía, fundamentalmente e, en menor medida, de Oza-Cesuras e Abegondo.

Este parque está a ser promovido pola empresa Green Capital Power, cunha participación maioritaria no seu capital social dun fondo de investimento de Arabia Saudí, e coa presenza na súa dirección de Jesús Martín Buezas, xenro de Florentino Pérez, o presidente do Real Madrid.

Nas alegacións presentadas, o SLG denuncia que 8 dos 15 aeroxeneradores proxectados están a menos de 500 metros de núcleos rurais, incumprindo a distancia mínima que esixe o Plan Eólico de Galicia e a Lei 5/2017. En canto á superficie que pretende expropiar o proxecto, está a ser utilizada, na actualidade, con fins agrícolas, gandeiros, forestais e residenciais. A todos estes terreos, habería que engadir a execución de 7.500 metros de camiños dos que nin sequera se fixo informe de impacto ambiental no proxecto da empresa.

Nas alegacións do SLG, explícase que só no concello de Mesía hai 346 granxas de vacún, con 329 postos de traballo dados de alta na Seguridade Social. Están afectadas tanto granxas convencionais como ecolóxicas. Folga dicir que a gandería é un dos piares económicos fundamentais do concello de Mesía, especialmente a dedicada a produción de leite. A cercanía dos aeroxeneradores ás explotacións gandeiras, se estes chegan a implantarse, provocarían ruídos e ondas electromagnéticas que causarían estrés nas reses, o que incidiría negativamente na súa alimentación e produción final, podendo chegar a sufrir abortos, problemas de xestación, etc.

O feito de que o meirande dos terreos afectados sexan de uso agrícola e gandeiro diminuiría a base territorial das granxas e a súa viabilidade futura. Tamén hai unha parte considerable de terras que están dedicadas ao aproveitamento madeireiro, unha fonte de ingresos decotío complementaria e de grande importancia para moitas explotacións e empresas ligadas ao sector forestal.

Distancias ilegais de aeroxeneradores respecto a centros escolares e de saúde

Outra ameaza importante é as distancias ilegais de varios aeroxeneradores con respecto a núcleos de poboación. Cómpre pensar que un aeroxenerador ten unha torre de 97 metros aos que hai que engadir os 132 metros de diámetro das súas pas. En total: 165 metros de altura. Para evitar o impacto que provocan, o Plan Eólico de Galicia (2001) establece unha distancia mínima de 500 metros; cómpre ter en conta que este plan redactouse nunha época na que os aeroxeneradores que se instalaban tiñan unha potencia inferior a 1 MW (normalmente eran de 660 KW) e unhas dimensións considerablemente inferiores aos que se pretenden instalar neste proxecto, que superan os 3 MW.

Aclarado isto, non se entende como hai proxectadas a implantación dun aeroxenerador a 213 metros do CEIP de Visantoña (Mesía) e outro a 305 metros dun centro de saúde. Máis alá destes exemplos tan gráficos, están afectados por distancias ilegais de aeroxeneradores os seguintes núcleos: A Iglesia Vilanova, O Calexo, As Painceiras, Os Martices, O Pedrido, O Pousadoiro, A Telleira, Os Ferreiros, As Brañas, Os Carballiños, O Curro, A Cartiñeira, Sobrado, Gundián, O Campo, A Pobra e Muiño de Xan García.

Precisamente, as distancias esixidas pola lei, mesmo sendo o permisiva que é, fai que sexa imposible construír un parque eólico nesta zona da Galiza, xa que a dispersión poboacional e a distribución dos núcleos rurais non o posibilitarían.

Fragmentación dun megaproxecto, de Cerceda a Vilasantar, en varios pequenos

Máis alá destas evidencias, o Sindicato Labrego Galego tamén denunciou nas súas alegacións a pretensión de Green Capital Power de levar a cabo un macro-proxecto que presenta fragmentado en varios pequenos, uns seguidos dos outros, e que abranguerían unha franxa que vai dende Cerceda a Vilasantar. De feito, a este proxecto de Pobra, únenselle a unha banda e outra os proxectos de Gasalla e Monte Inxerio, Ardemil e Lavandeira, que afectarían outros termos municipais a maiores dos citados como Ordes, Oroso, Frades ou Vilasantar.

Para o Sindicato Labrego Galego, a Xunta non pode autorizar este proxecto eólico polo forte impacto negativo que tería na vida diaria das persoas afectadas e no principal medio de vida da zona, que é a gandería e a produción de leite. Cómpre lembrar que a franxa na que Green Capital Power pretende densenvolver o seu macro-proxecto xa está a sufrir unha forte presión de proxectos industriais como as extraccións mineiras a ceo aberto de Erimsa, a autoestrada de alta tensión de Red Eléctrica, ou a intensa contaminación por cinzas e choiva aceda que sofren pola cercanía da central térmica de Meirama. Por iso, ademais das alegacións presentadas contra o parque eólico de Pobra, tamén se está a traballar na oposición á tramitación doutros dous proxectos denominados Monte Inxerio (situado en Ordes no linde con concello de Cerceda) e o de Gasalla (no linde dos Concellos de Frades e Mesía).