A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Desmantelada para chatarra a planta de tratamento de Varilongo que levou máis de medio millón de euros da Xunta

Desmantelada para chatarra a planta de tratamento de Varilongo que levou máis de medio millón de euros da Xunta

17 de Xullo do 2021

Varilongo

A mineira australiana Rafaella Resources, propietaria da filial que obtivo os dereitos mineiros da mina de estaño e volframio de Varilongo, en Santa Comba, demantelou esta semana a planta de tratamento de minerais que fora instalada en 2012 cunha subvención a fondo perdido do IGAPE de 645.855 euros, a cargo do Fondo Europeo de Desenvovemento Rexional. O Sindicato Labrego Galego, xunto a outros colectivos (Petón do Lobo BerXallas Minaría Destrutiva Non, Ecoloxistas en Acción e Fundación Montescola) denunciamos o desmantelamento por carecer das preceptivas autorizacións.

En outubro de 2012, o entón Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, hoxe imputado por prevaricación ambiental precisamente por ter aprobado un ano antes, en 2011, os proxectos de explotación e plan de restauración de Varilongo sen sometelos ao trámite de avaliación de impacto ambiental, dictara resolución aprobando o “Proxecto de instalación da planta de tratamento de minerais metálicos do Grupo Mineiro Santa Comba” de xuño de 2012.

O feito de que as intalacións aínda non estivesen autorizadas e que os propios informes técnicos do IGAPE consideraran o proxecto “cuestionable” e “de calidadd marxinal” (segundo indicou o Consello de Contas de Galicia no seu “Informe de Fiscalización de Programas de I+D+i. Exercicios 2009-2010”), non impediu que o IGAPE concedese a subveción para a planta de tratamento. Un ano despois, en 2013, a empresa mineira ía a concurso de acredores.

Na última semana a veciñanza de Santa Comba presenciou como, baixo as ordes de Galicia Tin and Tungsten SL, propiedade da australiana Rafaella Resources, se desmantelaban todas as instalacións, convertidas en chatarra que foi evacuada en camións mediante remolques de grandes dimensións. Ante as sospeitas de que a actuación non contaba coas preceptivas autorizacións tanto da Xunta como do propio Concello de Santa Comba, cursáronse as respectivas denuncias administrativas. 

A mesma empresa xa foi denunciada a finais de 2020 por verteduras con altas concentracións por metais pesados, o que levou a Augas de Galicia a iniciar un expediente sancionador. No mesmo punto dos vertidos, o denominado “transveral Carballeira”, o propio Concello de Santa Comba tivera que iniciar outro expediente de reposición da legalidade urbanística, por realizar obras sobre vías públicas sen autorización.

 Para as organizacións denunciantes, o caso de Varilongo é paradigmático da corrupción e derroche de fondos públicos por unha administración cómplice das mineiras, temendo que o uso inapropiado dos fondos europeos se repita agora cos fondos NEXT Generation de inxectarse novamente nunha industria mineira totalmente especulativa e insostible.