A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. A solicitude do SLG, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ordena estudar o impacto das estruturas de explotación enerxética nas Reservas da Biosfera

A solicitude do SLG, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ordena estudar o impacto das estruturas de explotación enerxética nas Reservas da Biosfera

9 de Novembro do 2021

EstudoBiosfera

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico realizará, por unha banda, un informe conxunto sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera, e, por outra, un estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares -incluído o seu repotenciamento- e infraestruturas asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera no Estado español.

A loita contra a privatización do medio rural galego por parte das empresas que monopolizan o mercado enerxético en connivencia co Partido Popular de Galicia vén de obter unha pequena vitoria. Non nos confiamos, pero dende o Sindicato Labrego Galego -organización integrante da Rede Galega Stop Eólicos- saudamos a reacción do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e agardamos non só que ditos estudos non se vexan afectados pola presión das empresas involucradas no negocio da produción enerxética, senón que ademais tomen como centro o verdadeiro benestar e saúde da cidadanía, nomeadamente das persoas que vivimos no medio rural.

A principios do mes de abril dende o Sindicato Labrego Galego informamos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de, entre outras, as tramitacións en curso do “Proxecto Sectorial Parque Eólico Gato” -promovido por GREENALIA WIND POWER GATO, S.L.U.-, o Parque Eólico Legre” -promovido por GREEN CAPITAL POWER- e o Proyecto Sectorial Parque Eólico Seselle -promovido por GALENERGY, S.L.-, todos eles planificados no territorio da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”.

Nesta macroestructura de explotación enerxética está contemplada a instalación de arredor de 70 aeroxeradores de ata 170 e 200 metros de altura, afectando aos concellos de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós. Na contorna da Reserva da Biosferas hai ademais proxectados inda máis parques, que se ben non entran no territorio delimitado pola Reserva, habida conta da súa proximidade si van trasladar a este territorio os seus impactos.

Ao tempo que denunciamos esta situación, solicitamos naquela altura que a través do Consello Científico, órgano asesor do Comité MaB do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, fora emitido un informe sobre a afección destes proxectos na conservación da superficie de hábitats da Rede Natura, así como da afección aos valores da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo”.

Logo de ter analizado durante a 22ª Reunión Ordinaria do Comité Español do Programa MaB as denuncias presentadas polo SLG ao respecto de futura construción de distintos parques eólicos na Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, o Ministerio vén de notificar ao Sindicato Labrego Galego a resposta favorábel a esta solicitude.

O Consello Científico acordou propor ao Comité Español do Programa MaB a realización dun informe conxunto sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera, a fin de poder analizar as disintas casuísticas que inciden nas Reservas.

O Comité Español do Programa MaB, pola súa banda, acordou encargar ao Consello Científico un estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e temo solares -incluída a repotenciación-, así como das súas infraestruturas asociadas, en territorios declarados Reserva da Biosfera no Estado español.

O Sindicato Labrego Galego ten solicitada tamén información ao respecto de varios parques planificados nas Reserva da Biosfera “Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá” e “Terras do Miño”, cuxa resolución agardamos nos sexa trasladada á maior brevidade posíbel.