A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Alegamos contra a discriminación das granxas galegas con terra no borrador do RD para a nutrición sostíbel nos solos agrarios

Alegamos contra a discriminación das granxas galegas con terra no borrador do RD para a nutrición sostíbel nos solos agrarios

10 de Decembro do 2021

bosta

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas presentou hoxe quince novas alegacións ao Real Decreto polo se establecerán as normas para a nutrición sostíbel nos solos agrarios.

O novo documento en exposición pública do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación continúa as ser moi preocupante. Atopámonos basicamente cunha extensión do anterior texto, ao cal presentamos no mes de outubro máis de corenta alegacións e alertamos publicamente das súas consecuencias.

A nova proposta presentada polo Ministerio segue discriminando ás granxas con terra -precisamente as que teñen a verdadeira capacidade de xestionar correctamente os xurros e estercos que producen-, aplicándolle as mesmas obrigas que ás gandarías de modelo intensivo e industrializado, verdadeiras responsables da contaminación producida por xurros e estercos.

Dentro da nova normativa da PAC o Estado español fai obrigatorio o cumprimento deste proxecto de Real Decreto coa inclusión dunha BCAM 10 dentro da condicionalidade reforzada. A creación desta “BCAM nacional” supón un agravio para as granxas galegas, especialmente para aquelas que fan manexos sustentables extensivos, en comparación cas granxas do resto de Europa. Cómpre lembrar que a inclusión desta BCAM da UE non é obrigatoria para o Estado español e que o seu deseño está moi lonxe de servir para acadar os obxectivos pretendidos.

Precisamos o establecemento de programas rigorosos de xestión e control da fertilización nas zonas mais vulnerables á contaminación, é absolutamente desproporcionado e contraproducente xeneralizar un problema que na Galiza é mínimo e restrinxido a unha pequena parte do territorio.

Facendo gala de un absoluto descoñecemento da diversidade agraria do territorio peninsular, o Ministerio pretende, unha vez máis, regular de igual xeito para todo o Estado sobre unha problemática que no noso país, e na cornixa cantábrica, é mínimo.

De feito, grazas á paisaxe en mosaico herdada, na Galiza, principal zona produtora de leite do Estado e unha das máis importantes da UE, dadas as condicións de manexo e de ordenación do territorio apenas existen problemas de contaminación de augas por nitratos, que si son verdadeiramente importantes noutras zonas do Estado español.

Ademais, a demonización de xurros e estercos en favor do emprego de adubos de síntese no que incurre a proposta ministerial é un erro -queremos pensar que involuntario- que só beneficia á agroindustria. A xustificación dun exceso de xurros e estercos nas granxas galegas non é certa, e a mostra mais clara é a venda de fertilizantes de síntese. Se realmente houbese exceso de fertilizantes producidos nas propias granxas, venderíanse moitísimos menos fertilizantes de síntese.

Dende o SLG opómonos a esta nova redacción do Real Decreto de xa que, unha vez máis, vemos como discrimina á gandaría e agricultura galegas que se verían moi prexudicadas ao asimilar á nosa realidade produtiva unha problemática do resto do Estado español.

 

Ficheiro adxunto