A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG demanda novas políticas agrarias respectuosas no Día Mundial Medio Ambiente

O SLG demanda novas políticas agrarias respectuosas no Día Mundial Medio Ambiente

5 de Xuño do 2009

Medio Ambiente

CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO OUTRO MODELO DE PRODUCIÓN AGRARIA É POSÍBEL

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, o Sindicato Labrego Galego quere denunciar que a vida cotiá dos países "desenvoltos", “modelo” de benestar material, calidade de vida e progreso, depende enteiramente dunha demanda enerxética e ecolóxica irracional.

O neoliberalismo, tendo como base material o petróleo, estanos a afogar aos labregos e labregas e á cidadanía en xeral, nun modelo de agricultura industrial petro-dependente en enerxía e insumos.

As políticas agrarias europeas e mundiais que nos están a rexir arestora,  consensuadas entre os gobernos e as grandes multinacionais, fortalecen e amplían o  control dos intereses privados sobre o sector agrario, desprazando a produción labrega de alimentos, mentres aumentan os beneficios económicos das multinacionais  e afondan no modelo da agricultura industrial, entendida como a suma de monocultivos, biotecnoloxía,  agrotóxicos e capital financeiro.

 Dende o SLG alertamos de que a industrialización da produción alimentar é a destrución do agro, vai parella á expulsión dos labregos e labregas e deriva nunha agricultura sen persoas, afectando dende o campo a toda a sociedade.

Como organización agraria e social deste País, é unha das nosas responsabilidades denunciar publicamente a pasividade e o dobre xogo das institucións e gobernos, que poñen os intereses económicos por enriba da alimentación e as necesidades nutricionais, ambientais  e de saúde da cidadanía.

Ante o cambio climático, o debate debe enmarcarse nunha transformación da economía e do noso estilo de vida cara unha produción e consumo responsables. A resposta é reducir o uso da enerxía e redirixir o mercado internacional cara os mercados locais.

A crise climática esixe o cambio das actuais políticas agrícolas, comerciais e enerxéticas:

- É necesaria a reorientación das políticas agrícolas cara o medio rural, as explotacións agrarias poden contribuír a facer fronte ao cambio climático por outras vías cas desenvoltas actualmente.

- Coma consumidoras e consumidores, temos que ter unha actitude responsábel no consumo de alimentos e axeitar o noso xeito de alimentarnos, conscientes de que o modelo industrial de produción e consumo é destrutivo.

- É imprescindíbel mudar as actuais dinámicas de comercio e transporte de mercancías agrícola e alimentario. Arestora, a cidadanía está a adquirir os alimentos baixo uns patróns de distribución totalmente incoherentes: camións que transportan toda a cadea de carnes e lácteos, avións con flores e froitas tropicais; os xigantescos navíos cerealeiros para traer soia transxénica que chega o noso País, etc.

- Trocar os métodos de produción (diminuíndo prioritariamente o consumo de abonos nitroxenados) que representan aproximadamente o 40% do consumo enerxético das explotacións, cara a producións máis autónomas e máis económicas en enerxía.

- Desenvolver modelos de produción sustentábeis baseados na agroecoloxía, e recuperando a produción de alimentos a partir de sistemas nos que a biodiversidade e a nutrición dos solos, reempracen ás tecnoloxías contaminantes do petróleo.

- Investigando como cobrer as necesidades enerxéticas e alimentarias das explotacións e do medio rural con produción propia e eficiente.

- Favorecendo o desenrolo de enerxías alternativas para autoabastecemento das mesmas nos eidos enerxéticos e alimentar.

 

 

Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos o apoio explícito dos gobernos e das institucións a un modelo de produción e distribución de alimentos baseado na agricultura labrega, fomentando  a súa capacidade para xerar emprego, respectar a diversidade cultural e biolóxica e o seu efecto positivo contra o quecemento  global.

As políticas agrarias teñen que ir enfocadas  a producir a alimentación humana e animal que precisamos no noso territorio, e para iso precisamos que se manteña a superficie agraria actual das explotacións e ademais facilitar o acceso á nova superficie para desintensificar o modelo actual de produción de alimentos, un paso na loita contra o cambio climático que seria un avance no desenvolvemento do dereito a soberanía alimentaria que reivindicamos como pobo.

A Soberanía Alimentaria, (dereito a decidir sobre as políticas agrarias e alimentares do noso pobo), implica primar o emprego dos recursos locais para a produción de alimentos, minimizando as materias primas importadas para a produción así como o seu transporte, significando a reorientación da produción cara o mercado local e de proximidade, adoptando estratexias para manter ás persoas no agro en troques de expulsalas, utilizando e expandindo o coñecemento e o saber local, desenvolvendo modelos responsables ao servizo da eficiencia, do emprego e do medio natural.

Ficheiro adxunto