A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG solicita diante da D.X. de Conservación da Natureza a implicación de toda a sociedade no mantemento da fauna salvaxe

O SLG solicita diante da D.X. de Conservación da Natureza a implicación de toda a sociedade no mantemento da fauna salvaxe

24 de Febreiro do 2010

Solana, Borregón e Sánchez

Na mañá de hoxe, Charo Sánchez Parga -Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes do SLG- mantivo o primeiro encontro co actual director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, e co subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Emilio Rosa Solana, para abordar a problemática dos ataques da fauna salvaxe ás explotacións agrogandeiras da Galiza.

240210

Emilio Rosa Solana -subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas-, Ricardo García Borregón - director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural- e Charo Sánchez -Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes no SLG-.

 

 

Ao igual que coa Dirección Xeral do goberno precedente, Sánchez Parga trasladou neste encontro a reivindicación de que o sector agrogandeiro non debe de seguir cubrindo en exclusiva os custes e as perdas que derivan do mantemento da fauna salvaxe, posto que coma patrimonio natural que é, a conservación da mesma debe involucrar ao conxunto da sociedade .

 

No desglose das achegas realizadas hoxe á Administración, o Sindicato Labrego Galego propuxo a modificación da Lei de caza de Galiza en aras do establecemento da Administración coma única responsábel do mantemento da fauna salvaxe.

 

No que atinxe aos ataques a animais en explotacións agrarias, o Sindicato Labrego solicita da Administración que realice unha ampliación das especies contempladas coma fauna salvaxe, de cara a axeitarse á realidade do noso país, engadindo ao lobo e ao xabarín -recoñecidos hoxendía- outros coma o corzo, o corvo ou o voitre leonado, dos que tamén son frecuentes as incursións na procura de alimentación nas explotacións, atacando ás crías dos animais.

 

Un dos tradicionais cabalos de batalla no abordamento desta problemática é o relacionado coas indemnizacións, insuficientes para cubrir a perda económica das explotacións, como así recoñeceu tamén hoxe neste encontro García-Borregón.

 

Solicitouse polo tanto a ampliación das partidas orzamentarias para cubrir os danos colaterais e o lucro cesante nas nosas explotacións cando sufrimos un ataque ou perda de colleita.

 

O SLG demandou tamén a habilitación dunha liña de compensación anual para as explotacións polo mantemento da biodiversidade e o medio natural, habilitando por exemplo liñas específicas para aquelas establecidas en zonas de ataques reiterados da fauna salvaxe, ou a inclusión normativa do porco celta coma raza en perigo de extinción.

 

En sintonía co actual debate a nivel europeo, dende o SLG propúxose tamén o deseño dun protocolo de actuación de cara á non retirada de animais sans que morreran por causas naturais cando estes corpos se atopen, por exemplo, en zonas de difícil acceso -de xeito semellante ao que na actualidade se fai en Extremadura cos muladares-.

 

Estableceríase, polo tanto, un control sanitario por parte da Administración sobre este procedemento. O obxectivo é facilitar alimento á fauna salvaxe para que deste xeito non se vexa na necesidade de atacar aos animais das explotacións.

 

De cara á mellora das medidas establecidas actualmente, o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos, Emilio Rosa, coincidíu co Sindicato Labrego na necesidade de revisar o actual Plan de xestión do lobo e as incidencias reais no territorio galego; elaborando de ser o caso, un novo anexo dos concellos declarados zona 1, no que se inclúan tódolos concellos afectados por ataques.

 240210 240210

Estas e outras alegacións*, trasladadas directamente na xuntanza desta mañá, foron postas a disposición da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural mediante o seu depósito no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza.

 

 

 

*Documento íntegro para descarregar.

Ficheiro adxunto