A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. Precisamos políticas agroecolóxicas para frear o cambio climático

Precisamos políticas agroecolóxicas para frear o cambio climático

4 de Xuño do 2010

j

Ao fío da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente que terá lugar mañá sábado, dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos a pasividade e dobre xogo das institucións e os gobernos, que insisten en antepoñer os intereses económicos por riba da conservación do medioambiente, boicoteando a posibilidade de termos unha produción alimentar sá e en base á terra: as labregas necesitamos da auga, do ar e do solo para poder producir alimentos nutritivos para a cidadanía.

O fracaso da agricultura industrial fica a día de hoxe patente na súa nula resposta para acabar coa fame no mundo, na deterioración ambiental (contaminación de augas e chans) e atmosférica.

 

O custo enerxético do modelo agroindustrial é totalmente irracional: por cada kilocaloría de alimento producido consúmense unha media de dúas (para produción e transporte/distribución).

 

A deslocalización das producións -que logo son transportadas milleiros de kilómetros máis lonxe, onde se atopan os e as consumidoras-, axudada polo propio sistema de expansión dos centros comerciais -sempre nas aforas das vilas e cidades, que implican o emprego dun medio de transporte para adquirir os alimentos-, están a supoñer o 18% do total dos gases de efecto invernadoiro emitidos no Estado español.

 

A nivel mundial, na actualidade, un 32% das emisións de efecto invernadoiro está provocado polo modelo agroindustrial e a deforestación.

 

A crise climática que sufrimos na actualidade esixe dun cambio radical das políticas agrícolas, comerciais e enerxéticas: cómpre a asunción dun MODELO PRODUTIVO AGROECOLÓXICO, que non só produza alimentos nutritivos exentos de compoñentes químicos perxudiciais para a saúde, senón que tamén implique a produción e distribución nun circuíto curto, de proximidade (pequenas tendas, mercados, prazas de abastos ...).

 

Nembergantes, as actuais políticas agrarias europeas e mundiais, consensuadas entre os gobernos e as grandes multinacionais, están a fornecer e ampliar o control das grandes agrocorporacións sobre o sector agrario.

 

Así, ao tempo que desprazan a produción labrega de alimentos, aumentan os seus beneficios económicos e afondan no seu modelo da destrución do medio, a través dunha agricultura entendida como a suma de monocultivos, biotecnoloxía, biopirateria (transxénicos), agrotóxicos e capital financeiro .

 

A industrialización e a destrución do agro, parella á expulsión dos labregos e labregas, deriva nunha agricultura en nun medio rural sen persoas, afectando dende o agro a toda a sociedade. As labregas e labregos precisamos terra sá para alimentar á cidadanía, polo que as políticas agrarias teñen que ir enfocadas a manter e a aumentar a superficie agraria actual das nosas explotacións e ademais facilitar o aceso á nova superficie para desintensificar o modelo actual de produción de alimentos, supoñendo un avance significativo na loita contra o cambio climático.

 

Dende o SLG estamos traballando para trocar os métodos de produción (diminuíndo prioritariamente o consumo de abonos nitroxenados), cara a producións máis autónomas e máis económicas en enerxía; apoiando modelos de produción sustentables baseados na agroecoloxía, e recuperando a produción de alimentos a partir de sistemas nos que a biodiversidade e a nutrición dos solos reempracen ás tecnoloxías contaminantes do petróleo.

 

As prácticas agroecolóxicas respectan os ciclos naturais dos cultivos, potencian a fertilidade dos chans, utilizan de forma óptima e responsábel os recursos naturais, non incorporan aos alimentos sustancias ou residuos que resulten prexudiciais para a saúde, achegan aos animais unhas condicións de vida dignas e fan das labregas e labregos produtores duns alimentos que manteñen todas as súas calidades nutritivas , ao tempo que volta a vida aos espazos rurais abandonados.

 

Sendo coñecedoras de que o modelo industrial de produción e consumo é destrutivo, tanto para o tecido social dos pobos como para o medio ambiente, solicitamos a colaboración de toda a cidadanía no consumo de alimentos de cara a “axustar” o noso xeito de alimentarnos.

 

As produtoras e produtores de alimentos do Sindicato Labrego Galego demandamos o apoio explícito dos gobernos e das institucións a un modelo de produción e distribución de alimentos baseado na agricultura labrega, historicamente lexitimada pola súa capacidade para xerar emprego, o respecto pola diversidade cultural e biolóxica e a contribución, a través da produción agroecolóxica, á loita contra o quecemento global.

 

Esiximos, xa que logo, que os gobernos fagan efectivo o dereito dos pobos á Soberanía Alimentaria, é dicir: o dereito a decidir sobre as políticas agrarias e alimentares do noso pobo.

 

A soberanía alimentar significa avanzar cara unha mellora do medio ambiente, xa que implica primar o emprego dos recursos locais para a produción de alimentos -minimizando as materias primas importadas para a produción así como o seu transporte-, a reorientación da produción cara o mercado local e de proximidade -adoptando tamén estratexias para manter ás persoas no agro no lugar de expulsalas- e expande o coñecemento e o saber local, desenvolvendo modelos responsables ao servizo da eficiencia, do emprego e do medio natural.

 

CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO,

 

OUTRO MODELO DE PRODUCIÓN AGRARIA É POSIBEL.