A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente>
  5. O SLG convocará mobilizacións para o 4 de marzo se Medio Rural non abona o pago dos Contratos de Explotación Sustentable (CES)

O SLG convocará mobilizacións para o 4 de marzo se Medio Rural non abona o pago dos Contratos de Explotación Sustentable (CES)

11 de Febreiro do 2011

Concentración CES

O Sindicato Labrego Galego convocará unha concentración diante da Consellería do Medio Rural, en Santiago de Compostela o 4 de marzo, se non se fan efectivos no mes de febreiro os pagos do Contrato de Explotación Sustentable (CES) correspondentes ao ano 2009, e non se resolven as novas solicitudes do ano 2010. 

Deste xeito, o SLG contesta á actitude contraditoria, de constante cambio de criterio e de incumprimento de prazos que mantivo a Consellaría de Medio Rural nos últimos meses. Respecto disto, cómpre lembrar que funcionarios de Medio Rural comunicaron, o 21 de xaneiro, que non se ían aprobar as novas solicitudes do CES do ano 2010 porque non había orzamento. Despois de xestións realizadas polo SLG, o 7 de febreiro apareceu na TVG o conselleiro, Samuel Juárez, declarando que si se ían aprobar esas solicitudes. Nembargante, a día de hoxe, non están aprobadas oficialmente, cando hai que xustificalas antes do 31 de marzo deste ano.

En canto ao pagamento dos CES do ano 2009, aconteceu algo semellante. Anunciouse que se ían pagar en decembro, despois díxose que se pagarían en xaneiro e, este luns 7, a Consellaría de Medio Rural emitiu un comunicado oficial anunciando o pago para o mes de febreiro, sen que se fixese efectivo até o de agora.

Ás explotacións afectadas polo impago do CES habería que engadir aquelas pendentes de cobrar as axudas da Política Agraria Común (PAC) do ano 2010 porque teñen unha inspección de superficies. En moitos casos, están a tardar tanto en convocalas para que asinen as actas da inspección que só van dispoñer dunha semana para pode cubrir a solicitude das axudas da PAC do 2011.

Outro eido que ficou sen cubrir polo financiamento de Medio Rural foi o que ten que ver coas axudas para prever os ataques do lobo ao gando. Este problema afecta a boa parte do territorio galego, pero este ano só cobrarán subvencións para facerlle fronte 23 explotacións en toda Galiza, supoñendo que as cobren. Por exemplo, as explotacións afectadas por ataques causados polo xabaril no ano 2009 aínda non cobraron nin un céntimo da indemnización que se lles concedeu.

Na situación actual, co incremento constante dos custes de produción (cereais, pensos, carburantes, fertilizantes, etcétera), coa obriga de facer fronte aos pagos polos investimentos realizados, e cos prezos dos produtos agrarios estancados ou á baixa, privar ás explotacións destas axudas suporá pór a moitas delas ao borde da ruína. Para defender a estas explotacións, o SLG manterá a convocatoria de mobilizacións para o 4 de marzo até que, polo menos, a Consellaría de Medio Rural pague os CES do ano 2009 e resolva as solicitudes do ano 2010.

Concentración CES