A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. O SLG participa con organizacións sociais de toda Europa nas estratexias contra o tratado de libre comercio cos EEUU

O SLG participa con organizacións sociais de toda Europa nas estratexias contra o tratado de libre comercio cos EEUU

17 de Xullo do 2014

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén de participar no II Encontro da Sociedade Civil Europea contra o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership ou Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos), que se desenvolveu en Bruxelas os días 14 e 15 de xullo. Xunto ao Sindicato Labrego Galego, déronse cita todo tipo de organizacións sociais (ecoloxistas, agrarias, sindicais, etcétera) para debater e acordar estratexias comúns contra un TTIP que se está a negociar de costas á cidadanía e que está a ser deseñado, fundamentalmente, por empresas privadas e transnacionais.

Dende o Sindicato Labrego Galego xa temos criticado con dureza o TTIP pois, polo pouco que puido transcender das súas negociacións, derribará as barreiras arancelarias (as máis altas protexen produtos agrícolas e gandeiros) e numerosas normativas legais que existen na na Unión Europea en materia de seguridade alimentaria, medio ambiente ou dereitos laborais. Todo en detrimento dos dereitos e a seguridade da cidadanía europea e só co obxectivo de crear un marco para que as principais multinacionais de Europa e Estados Unidos maximicen o seu lucro.

Por exemplo, para que haxa libre comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea, primeiro debemos eliminar, nesta beira do Atlántico, as restricións que existen en materia de organismos xeneticamente modificados (OXMs), carne e leite tratada con hormonas canceríxenas como a Somatotropina Bovina Recombinante, porcos engordados con Ractopamina (prohibida en 150 países pola súa perigosidade); ou permitir os máis de 30.000 produtos químicos aínda legais e comercializados nos Estados Unidos que están asociados a doenzas e enfermidades como cancro de mama e testicular, infertilidade masculina, diabete e obesidade. O TTIP tamén afectaría á Lei de Protección de Datos ou a servizos públicos como a sanidade cobizados polas transnacionais, que achan na súa privatización un fabuloso negocio.

Para que isto sexa posible, tanto a UE como os Estados Unidos pretenden crear unha especie de tribunal para resolver litixios entre inversores e países, que sería de ámbito supranacional e estaría por riba das leis e tribunais de cada estado: o Investor-state dispute settlement (ISDS). Deste xeito, o ISDS estaría por riba da soberanía de estados e pobos, e por riba das súas lexislacións en materias como dereitos laborais, protección do medio ambiente ou seguridade alimentaria. De ir para adiante o TTIP, unha empresa podería demandar a un país que teña prohibido, por exemplo, a extracción de gas por fracturación hidráulica (fracking) ou os transxénicos, como acontece hoxe en día, por poñer só dous exemplos. O país denunciado estaría na obriga de abonar indemnizacións millonarias á empresa denunciante para compensar a súa perda de negocio, tal e como ten acontecido en máis dunha ocasión entre Estados Unidos e Canadá, que tamén constituíron unha área de libre comercio.

Outra das críticas das organizacións sociais que participamos no encontro de Bruxelas foi a opacidade coa que se están a desenvolver estas negociacións entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Pola parte europea, quen leva a voz cantante é a Comisión, estando o meirande da información e documentos das negociacións vetados aos e ás representantes do Parlamento Europeo. Un bo exemplo desta falta de transparencia é que, entre xaneiro de 2012 e abril de 2013, antes de comezar as negociacións oficiais entre EEUU e a UE, o 92% dos encontros auspiciados por Bruxelas (520 reunións dun total de 560) foron entre a Comisión Europea e lobbies privados e empresas, e só o 4% (26 reunións) tivo á sociedade civil como protagonista, segundo datos da ONG Observatorio Corporativo Europeo (CEO). A mesma organización revelou que, entre xullo de 2013 e febreiro de 2014, das 154 reunións mantidas, 113 foron con empresas privadas, o que supón o 74%.

Para o Sindicato Labrego Galego, o TTIP é unha das máis grandes ameazas a que se enfronta a cidadanía europea, que vai perder boa parte dos seus dereitos en aras de maximizar o negocio de grandes empresas multinacionais. Tamén queremos chamar especialmente a atención sobre o impacto demoledor que este tratado tería sobre os sectores agrogandeiros e forestais europeos e galegos, xa que se eliminarían os aranceis que protexen as nosas producións, baseadas maioritariamente en economías de escala familiar e estruturadoras do medio rural; fronte a megaexplotacións de corte industrial que maximizan e abaratan a súa produción a través de prácticas prohibidas hoxe na Unión Europea por motivos medioambientais, de saúde e de seguridade alimentaria. Un dato preocupante ao respecto tamén vén revelado pola CEO: de tódalas empresas que están participando nas negociacións do TTIP, son as relacionadas coa agricultura e a alimentación as que maior presión exerceron sobre os e as representantes de Bruxelas, o cal revela que serán precisamente estes sectores os máis afectados por un posible tratado e os que ser verán sometidos a unha auténtica demolición en materia de protección arancelaria e normativa.

II Encontro TTIP