A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. O Foro de Mali conclúe cunha declaración na que se fixa unha interpretación común do concepto de agroecoloxía

O Foro de Mali conclúe cunha declaración na que se fixa unha interpretación común do concepto de agroecoloxía

25 de Marzo do 2015

Nyeleni

A Vía Campesina vén de publicar a crónica do Foro Internacional sobre Agroecoloxía, que se celebrou en Sélingué (Mali), do 23 ao 27 de febreiro, e un DOCUMENTO FINAL no que se marcan distancias entre a verdadeira agroecoloxía e o que as industrias alimentarias nos pretenden vender como tal: “A agroecoloxía é política, esíxenos desafiar e transformar as estruturas de poder na sociedade. Debemos poñer en mans dos pobos que alimentan o mundo o control das sementes, a biodiversidade, a terra e os territorios, a auga, os saberes, a cultura e os bens comúns”.

Máis de 200 persoas participaron neste foro. Tratábase de representantes de organizacións labregas, pobos indíxenas, traballadores e traballadoras agrícolas, mariñeiros e mariñeiras artesanais, pastores e pastoras nómadas, consumidores e consumidoras e habitantes de centros urbanos. Reuníronse para construír estratexias conxuntas de promoción da agroecoloxía e de protección diante dos intentos de cooptación por parte das corporacións dende a base das organizacións convocadoras: A Vía Campesina, More and Better (MaB), Movemento Agroecolóxico de América Latina e o Caribe (MAELA), Réseau des organisations paysannes et des Producteurs de l´Afrique de l´Ouest / Rede de organizacións labregas e de produtores e produtoras de África do Oeste (ROPPA), World Forum of Fish Harvesters and Fishworkers / Foro Mundial de Pescadores e Pescadoras e Traballadores e Traballadoras da Pesca (WFF), World Forum of Fisher Peoples / Foro Mundial de Pescadores e Pescadoras (WFFP), World Alliance of Mobile Indigenous Peoples / Alianza Mundial de Pobos Indíxenas Nómadas (WAMIP) e International Planning Committee for Food Sovereignty / Comité Internacional de Planificación da Soberanía Alimentaria (IPC).
A Declaración do Foro Internacional de Agroecoloxía fai un chamado por unha transformación inmediata baseada na produción de alimentos xenuinamente agroecolóxica por labregos e labregas, mariñeiros e mariñeiras artesanais, agricultores e agricultoras urban@s, etc. “A agroecoloxía foi sempre esencial para a humanidade porque permite aos produtores e produtoras de alimentos ser autónom@s e consolida a base da soberanía alimentaria”.

Nyeleni 3
Os e as participantes alertaron que “a agroecoloxía se atopa nunha encrucillada”. A Declaración sinala que “moitas institucións multilaterais, gobernos, universidades e centros de investigación, algunhas ONGs, corporacións e outras instancias finalmente recoñeceron a agroecoloxía. No entanto, tentaron reducir o concepto a unha mera proposta de tecnoloxías para ofrecer algunhas ferramentas que suavizan a crise de sostenibilidade da produción alimentaria industrial sen desafiar as estruturas de poder existentes”.
O argumento da Declaración prosegue así: “Esta cooptación da agroecoloxía para maquillar o sistema alimentario industrial e ofrecer un discurso ecoloxista de cara á galería recibe varios nomes, entre eles
agricultura climaticamente intelixente, intensificación sostible ou ecolóxica, produción industrial de monocultivos de alimentos orgánicos, etc. Para nós, isto non é agroecoloxía. Rexeitamos tales cualificativos e loitaremos para denunciar e frear esta apropiación insidiosa da agroecoloxía”.
“As solucións reais ás crises do clima, da malnutrición, etc., non pasan por conformarnos co modelo industrial. Debemos transformalo e construír os nosos propios sistemas alimentarios locais que creen novos vínculos urbanos e rurais baseados na produción alimentaria xenuinamente agroecolóxica. Non podemos permitir que a agroecoloxía sexa unha ferramenta do modelo de produción alimentaria industrial: entendémola como a alternativa esencial a ese modelo e como o medio de transformar o xeito en que producimos e consumimos os alimentos en algo mellor para a humanidade e a nosa Nai Terra”.
En palabras de Andrea Ferrante (Italian Association of Biological Farmers -AIAB- e Vía Campesina), a resposta a como alimentar o mundo reside na agroecoloxía: “queremos un modelo que se basee nos nosos saberes e o noso xeito de vivir, non no petróleo ou nas falsas respostas do mundo industrial. Preocúpanos o futuro dos nosos fillos e das nosas fillas”.
Nyeleni 1Os e as participantes do Foro elaboraron un plan estratéxico de nove obxectivos principais con numerosas metas para cada un deles co fin de dar efecto ás reivindicacións políticas, sociais e económicas dos produtores e das produtoras de alimentos. O plan de acción dá prioridade ao papel das mulleres, xa que a loita contra as desigualdades de xénero é esencial na agroecoloxía. Para María Noel Salgado, do Movemento Agroecolóxico de América Latina e o Caribe (MAELA), a agroecoloxía foi practicada durante séculos e representa moito máis que un simple sistema de produción: “é un estilo de vida, un xeito de actuar que respecta o medio ambiente e facilita o sustento de vida e ingresos para a maioría dos produtores e produtoras de alimentos cun modelo no que as mulleres sempre desempeñaron un papel clave”.
O plan de acción tamén inclúe instaurar economías locais, compartir saberes e forxar alianzas entre os diversos sectores.
Estes sectores defenden a súa lexitimidade para conducir a agroecoloxía cara ao futuro, xa que “quen deseñan as políticas non poden facer avanzar a agroecoloxía sen nós. Deben respectar e apoiar os nosos procesos agroecolóxicos en lugar de seguir apoiando as forzas que nos destrúen”. Igualmente, fan un chamado aos pobos a que se sumen á súa tarefa colectiva de construír entre todos e todas a agroecoloxía como parte das loitas populares por un mundo mellor baseado no respecto mutuo, xustiza social, equidade, solidariedade e harmonía coa Nai Terra.

Nyeleni 2