A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. O SLG pide ao Goberno Español unha posición contraria ao tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos

O SLG pide ao Goberno Español unha posición contraria ao tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos

17 de Abril do 2015

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, rexistrou, o 16 de abril, na sede da Delegación do Goberno en Galiza (A Coruña), un documento pedíndolle ao Goberno Español unha postura contraria á sinatura do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos (Transatlantic Trade and Investment Partnership-TTIP).

O motivo deste escrito foi denunciar “a ameaza real que suporía a súa consecución para a agricultura, a gandería e a seguridade alimentaria de Galiza”. No escrito presentado detállase esta ameaza en cuestións como os transxénicos, a carne clorada e hormonada, a competencia en condicións de franca inferioridade das nosas granxas e empresas alimentarias con respecto ás estadounidenses, ou o perigo de desaparición das nosas producións agrogandeiras con indicación xeográfica de calidade (podes descargar o documento completo en pdf premendo na icona que hai no remate desta páxina).
Esta acción encádrase nunha campaña global que está a realizar A Vía Campesina en todo o mundo con motivo do 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega. Neste senso, o membro da Executiva do SLG, Xosé Ramón Cendán, participa nesta data nunha acción de denuncia denominada Lobby Tour -organizada pola Coordinadora Europea da Vía Campesina e polo Corporate Europe Observatory-, que consistirá nunha visita guiada polo barrio europeo de Bruxelas, dirixida a xornalistas, na que se darán exemplos concretos da influencia dos lobbistas da industria agrícola sobre o TTIP e do trato privilexiado que lles dá a Comisión Europea para exercer esta influencia.
Ademais, o Sindicato Labrego Galego tamén apoiará a concentración de protesta organizada polo colectivo Ecoar que terá lugar o sábado en Vigo contra o TTIP nunha data, o 18 de abril, na que se coordinarán accións e denuncias similares nos Estados Unidos e na Unión Europea.

Ficheiro adxunto